Mércores 24 de Xullo de 2019

Concello e Deputación estudan vías de colaboración en materia de políticas sociais


A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, reuniuse coa deputada provincial Ánxela Franco para analizar as diferentes liñas nas que se pode colaborar entre as dúas institucións nun futuro e así integralas dentro do Plan de Acción da Deputación.

Entre as cuestións que se falaron destacan a posibilidade de que a Deputación participe no Plan de Atención ás Persoas sen Fogar, impulsado dende o Concello como xeito de frear as desigualdades e para asumir a responsabilidade e o impulso de políticas públicas para garantir dereitos básicos das persoas sen fogar.

Outro dos temas abordados foi a colaboración coa UMAD e os programas desenvolvidos pola Unidade Municipal de Atención á Drogodependencias, que vén de presentar ademais o Plan de Prevención en Drogodependencias.

Tamén se tratou na xuntanza a situación das persoas migrantes e a necesidade de impulsar de maneira conxunta programas para acollida e atención de persoas migrantes e retornadas, así como equipos profesionais para mediación intercultural e integración sociolaboral.

Finalmente, Concha Fernández e Ánxela Franco valoraron as necesidades e posibilidades de colaboración coas liñas estratéxicas de promoción do envellecemento activo e atención das persoas maiores.