Mércores 16 de Outubro de 2019

Lousame aproba a adxudicación do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia por dous anos e 455.000 euros


 

Unanimidade na aprobación dunha modificación de crédito de máis de 145.000 euros para melloras en viais en Cernande, Tállara, Aldariz e San Xusto

O pleno do Concello de Lousame aprobou a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF), na modalidade de dependencia, á empresa Sanamede SL por un período de dous anos e un importe de 455.734,8 euros. “Un servizo fundamental para a atención aos nosos maiores e dependentes no noso municipio”, lembrou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

A aprobación contou cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, xa que tanto os concelleiros do BNG como do Partido da Terra non asistiron á sesión. Unha abstención que o voceiro socialista, Julio Paradela, xustificou en que “o prezo é demasiado axustado e non sei os servizos que pode dar esta xente”, criticando tamén que a adxudicación fose por dous anos e sen embargo se estaba aprobando o seu abono nos exercicios 2019, 2020 e 2021.

Sobre a solvencia técnica e económica da proposta gañadora, Villaverde Pais lembrou que o Concello de Lousame cambiou as bases do expediente de licitación para incrementar a puntuación pola calidade do servizo e sacar o servizo por un prezo maior. Ademais, indicou que a empresa adxudicataria “é a mesma que leva presentado o servizo en Lousame no último ano, por ese prezo e a xente está contenta”.

Pola súa banda, a secretaria municipal explicou que o prazo de prestación do servizo será de dous anos, contados a partir da súa formalización, que está previsto que sexa no vindeiro mes de febreiro, polo que os dous anos a abonar contarán de febreiro de 2019 a febreiro de 2021.

Crédito extraordinario

Onde si houbo unanimidade, ademais de na aprobación das actas, foi na aprobación dunha modificación de crédito de 146.431,84 euros para a realización das obras contempladas no Préstamo Provincial do POS+2018. Estes cartos investirase en dous proxectos de obras. O primeiro é o acondicionamento dun viario en Cernande (Tállara), por 81.526,25 euros, e o segundo inclúe a pavimentación de viais en Aldarís e a mellora dos accesos a San Xusto por 64.905,59 euros.

Finalmente, o pleno municipal aprobou a adhesión do Concello de Lousame ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, unha iniciativa de ámbito europeo e que Xunta e Fegamp presentaron este mesmo mes de xaneiro en Ribeira. Teresa Villaverde explicou que “é importante subscribilo para poder facer un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), nun prazo de dous anos, que nos diga os puntos fortes e febles que temos en Lousame para así ver as actuacións que podemos facer e as axudas ás que podemos acceder”.

Unha proposta que saíu adiante cos únicos votos do Grupo de Goberno, xa que Julio Paradela xustificou a abstención do PSOE en que “a idea parece perfecta pero non é o momento de adherirnos porque non temos recursos humanos nin financeiros. Non vexo as presas”, ademais de engadir que este acordo “está enfocado a Concellos máis grandes ca Lousame”, cuestionando tamén a existencia de liñas de axuda.

Teresa Villaverde lembrou que “o que nos estamos comprometendo a facer en dous anos é a presentar un informe, despois pode estar seguro de que haberá liñas de axuda e que imos ter asesoramento e axudas para actuar sobre os nosos puntos febles”. Neste sentido, lembrou que Lousame xa ten realizado numerosas actuacións neste ámbito, como o cambio de luminarias de sodio por luminarias LED, actuacións de aforro enerxético e recuperación de espazos naturais degradados pero “temos que seguir reducindo o consumo de enerxía, apostar polas renovables e mellorar a nosa eficiencia enerxética”.

De feito, Lousame está á espera de que o Goberno Central resolva en próximas datas un proxecto de eficiencia enerxética presentado en 2017. “Espero que resolvan canto antes porque era para facer o ano pasado e imos presentarnos á nova convocatoria cando non temos feito o anterior”.

Os tres concelleiros socialistas acudiron á sesión con cadansúa rosa vermella en lembranza dun compañeiro falecido, Ricardo Busto. A alcaldesa de Lousame transmitiulles o pesar do grupo de Goberno antes do inicio da sesión.