Martes 27 de Outubro de 2020

A rapazada de Moeche estrea os seus propios xogos no CEIP San Ramón


A alcaldesa tamén valorou esta tarde o pleno celebrado onte arredor da demanda do servizo de pediatría

 

Hai moi pouquiños días que se completou a instalación dun novo tobogán na área de xogos do colexio público de San Ramón. Un aparello de entretemento e de desenvolvemento da coordinación psicomotriz que é para os nenos e nenas, pero que tamén é dos nenos e nenas. O xogo de palabras ten explicación, posto que foi a cativería quen elixiu o modelo que se debía montar entre os propostos pola empresa adxudicataria do contrato, sufragado con fondos provinciais. Esta foi unha das primeiras decisións executivas do Grupo Municipal de Participación Infantil, que tamén acordou denominar como «Rúa 23 de Abril» o eixo viario que vai desde a estrada de Ortigueira até a casa consistorial.

Con cargo ao mesmo proxecto do POS+ 2017 tamén se colocou un valo perimetral de protección no parque infantil situado ao pé da pista de tenis e do Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade. Alí optouse por un peche metálico pintado de varias cores que rodea os bambáns existentes, coa finalidade principal de evitar caídas na ribada que fai de linde cunha finca privada.

Dos traballos ocupouse a firma Globalia S.L. por un prezo próximo aos 15.000 euros, destinados na súa maior parte ao equipamento lúdico do CEIP San Ramón. Trátase dunha estrutura situada sobre unha plataforma acolchada que conta con dúas torres, unha pasarela, unha rede, unha escada e un tobogán. Todo feito con materiais resistentes á intemperie e ao trote infantil, cumprindo ademais coas normas UNE esixibles a un xogo pensado para nenas e nenos de entre 4 e 14 anos. “Buscamos un mobiliario onde a cativería o pase ben, pero tamén que aguante o día a día, o desgaste por mor da chuvia e do sol e, sobre todo, que sexa seguro. Por iso tamén se esixiu que todo cumpra coa normativa UNE”, comenta Beatriz Bascoy.

Porén, a decisión sobre a obra non foi exclusiva da mesa de contratación municipal, senón que o Concello lle deu voz á propia rapazada acudindo ao asesoramento do Grupo de Participación Infantil creado no seo do Consello Local da Infancia e a Adolescencia. Na súa última xuntanza, aló polo mes de novembro, as cativas e mailos cativos deste comité executivo revisaron a documentación presentada fixándose máis que nada nos distintos modelos propostos por Globalia S.L. para elixir entre eles o que finalmente se instalou esta semana.

Naquela xuntanza o grupo infantil tamén lle deu o visto e prace ao logotipo do consello e presentou a denominación «Rúa 23 de Abril» para o eixo viario que pasa por diante do Concello. Un nome que posteriormente foi aprobado en pleno e que xa se lle comunicou ao INE e outros organismos. «Na rúa só nos falta poñer a placa co nome novo», afirma a alcaldesa, para quen «o importante de verdade é a implicación real das nenas e nenos na toma de decisións e que vexan que o que eles e elas din despois se leva á práctica».

Valoración do pleno extraordinario do xoves
En relación coa infancia, Beatriz Bascoy tamén comentou hoxe o resultado da sesión plenaria celebrada onte na que se demandou o restablecemento do servizo de pediatría en Moeche e nos concellos de San Sadurniño, Cerdido e As Somozas. A rexedora cualificou a marcha do PP do salón de sesións como «un esperpento e un desplante ás nais e pais alí presentes». A alcaldesa acusou aos edís da oposición de «escenificar unha obra ensaiada de antemán para evitar posicionarse publicamente» que tería como finalidade «facelos quedar de vítimas cando en realidade é un goberno do PP quen manda no SERGAS, é o PP quen está politizando o debate reuníndose en petit comité cos responsables da Xunta deixando de lado aos alcaldes, é o goberno do PP quen manda inspeccións á escola para que os pais non falen e é tamén o PP quen está acabando coa sanidade pública no noso país».

Beatriz Bascoy insistiu en que tanto Moeche como os concellos de Cerdido e San Sadurniño «imos seguir esixindo que o servizo de pediatría volva funcionar polo menos coma antes». A alcaldesa informou tamén que o próximo martes ela e os outros alcaldes manterán un encontro co Xerente de Xestión Integrada de Ferrol «para trasladarlle o acordo plenario adoptado onte e para que nos dea información sobre cando teñen previsto contratar un ou unha pediatra fixa en San Sadurniño e retomar as consultas itinerantes».