Luns 16 de Setembro de 2019

San Sadurniño, Cerdido e Moeche fletan autobuses para a manifestación do domingo en Santiago


 

A plataforma SOS Sanidade Pública convocou para este domingo 10 de febreiro unha mobilización polas rúas de Santiago como denuncia dos “recortes de persoal, camas e orzamentos”, a “marxinación” da atención primaria e dunha progresiva privatización e centralización de servizos -materializada na figura das Xerencias de Xestión Integrada- que se traduciría en “precariedade laboral” e na “sobrecarga crónica” do sistema sanitario público. A manifestación sairá ás 12.00h. desde a alameda compostelá e, para facilitar a asistencia á mobilización, os concellos de San Sadurniño, Cerdido e Moeche porán a disposición da veciñanza transporte gratuíto. O autobús sairá de diante do Concello de Cerdido -A Barqueira- ás 10.00h., parará diante do consistorio de Moeche ás 10.15h. e, por último, recollerá xente ás 10.30h. diante do Concello de San Sadurniño, para emprender inmediatamente a viaxe con destino a Santiago. A volta está prevista para as 14.00h.

SOS Sanidade Pública demanda “recuperar” a sanidade galega dos “recortes de persoal, camas e orzamentos”, pero tamén acabar “coa marxinación da atención primaria”. Neste sentido, o colectivo que agrupa persoal médico e entidades sociais, esixe a eliminación das estruturas organizativas de Xestión Integrada e volver á figura das áreas sanitarias e dos hospitais comarcais.

A plataforma pide, ademais, “dotar adecuadamente aos PAC e os servizos de Urxencias hospitalarios”. Do mesmo xeito que motiva a convocatoria en “acabar coa precariedade laboral” e recuperar “todos os servizos e centros privatizados”.

A este respecto, o colectivo asegura no seu blog que nestes momentos se está dando “unha rebelión” na sanidade pública galega debida “aos recortes, á precariedade, aos problemas de accesibilidade a probas diagnósticas, á sobrecarga crónica, á perda da dirección autónoma de atención primaria, á perda de financiamento e á falta de tempo para atender ás persoas usuarias”. Razóns que terían como resultado “folgas en PAC’s, folga nas urxencias do CHUS, dimisión de xefaturas de atención primaria, paros semanais nos centros de saúde, falta de ambulancias…”

A manifestación convocada para este domingo 10 de febreiro en Santiago leva a epígrafe “os recortes matan, non ao negocio coa saúde” e a plataforma agarda que sexa masiva. A plataforma xa mobilizara milleiros de persoas hai exactamente un ano, apoiada naquel momento por mocións aprobadas en pleno por varios municipios galegos, entre eles San Sadurniño onde as reivindicacións foron suscritas pola representación de BNG e PSOE.

San Sadurniño, Cerdido e Moeche fletarán conxuntamente un autobús para que calquera persoa poida acudir á manifestación. Non fai falla inscrición previa, o autocar sairá ás 10.00h. da Barqueira, parará ás 10.15h. no Concello de Moeche e deterase sobre as 10.30h, diante do Concello de San Sadurniño. Haberá un segundo bus de reserva por se fose necesario.