Mércores 20 de Novembro de 2019

A Aula CeMIT de San Sadurniño ofrece cursos itinerantes para aprender a manexar o móbil


7 persoas participan estes días en Santa Mariña nun obradoiro que despois se trasladará a Igrexafeita, Bardaos e Naraío

 

Aprendemos desde que nacemos ata que imos para a cova. É así, aínda que a medida que sumamos anos nos vaian dando cada vez máis reparo as cousas novas, sobre todo a tecnoloxía. Os móbiles, os ordenadores, a internet ou as redes sociais son cousa natural para a xente máis nova, pero cando temos certa idade cústanos un chisco máis afacernos a tanto adianto. Por sorte tamén hai quen nos anima a dar o paso axudándonos a comprender e utilizar toda a trangallada dixital que temos ao noso alcance. A Aula CeMIT de San Sadurniño ofrece un catálogo moi amplo de cursos e charlas ao longo do ano cos que perderlle o medo ás TIC e aprender a sacarlles partido. Nestes momentos está ofrecendo un obradoiro sobre móbiles en Santa Mariña e nas próximas semanas haberá actividades semellantes en Igrexafeita, Bardaos e Naraío. As inscricións poden facerse a través do teléfono 616 016 793 ou do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

O curso que se desenvolve no local social de Santa Mariña os luns e martes deste mes leva por título “Aprende a usar o smartphone” e, como o propio nome indica, nel ofrécense os coñecementos básicos para manexar os teléfonos móbiles que hai agora, con pantallas táctiles, conexión a internet e unha chea de aplicacións útiles para entreterse pero tamén para moitas cousas da vida diaria.

As clases parten desde cero. Primeiro apréndese a acender o aparello e logo as configuracións básicas: como chamar, como gardar contactos e xestionar a axenda, como conectarse a unha rede wifi, etc. Despois xa se vai entrando pouco a pouco na navegación en internet, o uso do whatsapp, o manexo de Google Maps, sacar fotos e gravar vídeos… pero tamén controlar os axustes de privacidade.

Ao obradoiro de Santa Mariña asisten sete persoas, un número moi semellante ao das anteriores accións formativas ofertadas en Lamas e Ferreira. A seguinte que hai programada terá lugar no local social da Torre, en Igrexafeita, os luns e martes do mes de marzo en horario de 10 a 13.00h. Para apuntarse non hai límite de idade, abonda con ter interese por aprender a usar o móbil e, por suposto, dispoñer dun móbil aínda que non sexa de último modelo. Este ciclo itinerante trasladarase en abril a Bardaos e finalizará en Naraío durante o mes de maio, en ambos casos tamén os luns e martes entre as dez da mañá e a unha da tarde.

Durante o mes de marzo tamén se ofrecerá na Aula CeMIT -na Casa da Cultura- un curso de 16 horas para aprender a usar tabletas, moi semellantes aos móbiles en canto a funcionamento e aplicacións dispoñibles. Esta actividade está fixada para os días 13, 15, 20 e 22 de marzo entre as 10 e as 14.00h.

Para inscribirse en calquera destas propostas ou para solicitar máis información sobre a programación completa da aula pódese enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal, chamar ao 616 016 793 ou entrar na páxina web do centro.