Domingo 25 de Agosto de 2019

A cuarta edición do programa Conecta Peme mobiliza en Bergantiños-Costa da Morte un millón de euros en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 5 empresas


A convocatoria do 2018 contou cun orzamento que medrou un 8%, ata os 27M€ en axudas; que tamén beneficiará a 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación; e que xerará 72 empregos cualificados

A Xunta resolveu a cuarta edición do programa Conecta Peme que, na convocatoria de 2018, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte financia 5 proxectos cun investimento público de 574.000 euros que supón unha mobilización total dun millón de euros.

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou, esta mañá, as instalacións de Glaucor Ingeniería, unha das beneficiarias destas axudas para informar sobre as mesmas. Esta empresa ten como obxecto o desenvolvemento de tecnoloxías para o tratamento dos residuos da produción láctea para obter produtos de valor engadido, auga de regadío ou de proceso e biogás para o autoabastecemento.

O obxectivo desta iniciativa do goberno autonómico é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico. Na provincia da Coruña esta orde de axudas chegará a 90 empresas cun investimento público de 11,4M€ para mobilizar un total de 20,3M€.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destinou nesta convocatoria un 8% máis de orzamento que na anterior, chegando aos 27M€ en axudas para beneficiar a un total de 169 empresas –o 93% pemes–, e 24 centros tecnolóxicos e organismos de investigación que xerarán 72 empregos cualificados.

Os proxectos están relacionados co desenvolvemento experimental, con potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e coa investigación industrial. As iniciativas aprobadas desenvolveranse ata o 2020 e executaranse nun prazo de 2 ou 3 anos.

Entre as novidades desta convocatoria destacaron, ademais do incremento do orzamento, a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e do potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.

Dirixido a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns, Conecta Peme é unha iniciativa que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galega