Domingo 25 de Agosto de 2019

Cheo na Casa da Cultura de San Sadurniño para a estrea das curtas do Chanfaina Lab


 

Arrancou xa a sexta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. E fíxoo, como é habitual, estreando as curtametraxes gravadas en San Sadurniño durante a primeira fin de semana do mes de setembro anterior. A Casa da Cultura ateigouse outra vez para asistir a esa mezcolanza de técnicas, narrativas e estilos que comparten o denominador común de contarnos San Sadurniño con outras miradas. Ollares propios e alleos que se mostran fragmentados na pantalla para compoñeren entre todos ese grande mosaico de paisaxes, historias e vivencias que é San Sadurniño. A estrea deste serán confirmou o agardado polo público: cousas experimentais, cousas ficticias, cousas documentais e cousas que nin se encadran no anterior nin tampouco foxen de nada do anterior. Así é o Chanfaina Lab, coma o embutido tradicional do que toma o nome, un revolto de anacos visuais. Saborosos anacos visuais cando se degustan xuntos.

O evento no que se estrearon as 23 curtametraxes comezou pouco despois das 17.00h. No auditorio da Casa da Cultura xuntáronse protagonistas dos filmes e tamén realizadores e realizadoras citadas para unha premiere á que faltaron poucos participantes. Margarita Ledo por estar convalecente; Suso López, Andrés Goteira e Simone Saibene por atoparse en Alemaña promocionando novos proxectos na Berlinale; o lobeirés Fran Bermúdez por encontrarse en Brumsum, Holanda; Helena Girón e Samuel Delgado por residiren en Madrid neste momento; Lucía Estévez por estar enfrascada nun novo filme; e o local Sebastián Rodríguez, Sebas, que tiña outro compromiso inaprazable.

Agás este último, todos os demais enviaron saúdos gravados que se intercalaron coas presentacións ao vivo de quen si puideron estar. Porén, antes das breves introducións de cada peza, a concelleira de Cultura, Sabela Cinza, agradeceulles o seu traballo aos creadores e creadoras, pero tamén ao tecido social e veciñal: «temos fachenda e todos e todas vós, sen vós sería imposible. Temos fachenda das cineastas que se achegan de fóra para coñecernos e dos locais que empezaron sendo dous ou tres e hoxe son o 60% do noso cartaz», dixo a concelleira.

Cinza destacou que coas estreas de hoxe, o proxecto «chega ás 101 pezas», algo que vén confirmar a súa traxectoria ascendente en tan só seis anos «É un festival que naceu moi pequeniño e hoxe está nas universidades e nos manuais de boas prácticas culturais, ademais de levar o nome de San Sadurniño por todo o mundo».

Pola súa banda, o profesor Manolo González volveu incidir nos agradecementos á veciñanza que se implicou «nun reto creativo difícil» e que acolleu aos realizadores e realizadoras foráneas. «De nada serve que os de fóra queiran vir facer filmes se as persoas do concello non botan un cabo». González predispuxo ao público pedíndolle «tolerancia» para apreciar «as distintas formas de ver o mundo que teñen os autores. Posiblemente vos parezan pezas raras, unhas gustarán máis e outras menos. Pídovos un exercicio de tolerancia, abrir a nosa mente e aceptar a mirada dos outros sobre o que nos contan de nós mesmos. Isto non é un concurso, non hai mellor nin peor, todos son iguais para nós e todos conforman ese prato de chanfaina tan rico».

E o prato da chanfaina estivo certamente rico. Nesta edición contamos cunha boa presada de representantes locais. Comezamos polos que atesouran maior veteranía. As mozas de Teño unha horta en San Sadurniño volveron tirar polo xénero documental tratando en «Electra» a historia da electrificación de Naraío -e do resto do concello- contada pola última xeración da familia Orosa. Sen que houbese premeditación, ese mesmo tema tocouno Fran Bermúdez con «E fíxose a luz!», repasando con Inolita da Lobeira como chegou a luz a Santa Mariña do Monte.

Abel Vega -outro dos habituais- achegou un novo capítulo etnográfico describindo en primeira persoa «Unha casa da aldea» que a maneira en que se distribuían as estancias. Vega, auténtico todoterreo do Chanfaina Lab, fixo en setembro labores de produción e acompañamento aos equipos de rodaxe chegados de fóra e, por primeira vez, tamén se meteu a actor de ficción na curta «Breixo», dos coruñeses Javier Seoane e Kevin Lorenzo. Esta curta exemplifica á perfección a necesidade de optimizar recursos para saír con ben do reto chanfaineiro. Seoane e Lorenzo gravaron en distintas localizacións xuntando actores e actrices aquí e acolá -incluídos outros participantes- para armar unha historia coral de amor e de humor.

Co equipo de «Breixo» estaba Ángela Arnosa. Veciña de Naraío, graduada en química e divulgadora científica, esta moza que fai teatro e procura ter sempre un pé en calquera bolo cultural que lle quede preto, dirixiu a súa primeira curta tocando a experimentación por medio das sombras. «Síntese» semella un xogo de sombras chinescas que, en certa maneira, nos conecta cun xénero narrativo precursor do propio cinema.

Experimental tamén foi a peza de Bieito Beceiro -«A vista de cabalo do demo»- quen torna ao público nunha libeliña que incordia o gando ceibo. De feito, para a banda sonora elixiu o suxestivo «voo do moscardón» de Rimsky-Korsakov.

Porén, entre os realizadores e realizadoras de aquí, este ano irrompeu con forza o que puidéramos chamar Nouvelle Vague de San Sadurniño. Unha nova onda de mozas e mozos de idades similares, con moita ansia por contar que, ademais, se moven xuntos no asunto de gravar e interpretar aínda que ao Chanfaina presentasen pezas independentes. Así, Catalina Rodríguez resumiu o proceso de doma dun poldro en «A rapaza que borboriñaba aos cabalos» e Iago Lourido descubriunos con «The Sansa Stomp» un novo xénero visual que xunta percusión, movemento e humor. Outro habitual desde cativiño que agora xa vai feito un homico é Pablo Martínez, quen dá con «Conectado» un grande salto cualitativo con respecto ás súas pezas de anteriores chanfainas. Asina unha curta moi planificada, e cunha mensaxe na que anima á xente da súa idade a facer vida exterior en contraposición co enclaustramento e illamento que propician os videoxogos e os móbiles.

Destacaron tamén as creacións locais en feminino. Irene Beceiro apostou polo documental en «Dereito a sermos vellas», poñendo diante da cámara a quince mulleres de Santa Mariña, desde as máis novas ata as case centenarias. Mostrar o seu día a día sen ningunha narración é suficiente para reivindicar a muller, mesmo para recordar que a sociedade se sostén en feminino, aínda que a propia sociedade non o dese recoñecido de momento. Pola súa banda, o triunvirato The Sungirls -Graciela Galdo, Oga Vigo e Mónica Cibreiro- arrancaron ovacións coa peza «Non teño dono», para a que prepararon unha versión en galego da peza «A quién le importa?» de Alaska e despois mobilizaron a case un cento de mulleres de San Sadurniño. O resultado: un videoclip filmado en distintos lugares do territorio que xunta na súa mensaxe empoderamento, liberdade, respecto e igualdade.

Da achega de San Sadurniño ao Chanfaina Lab fáltannos por mencionar o inclasificable «Insomnio» de Sebas Rodríguez, e a curiosa cabeceira animada que fixo Roberto Bouza para o día da estrea, o audiovisual máis breve de todo o programa.

Miradas desde fóra
As olladas «dos venideros» tamén foron diversas, e tamén o xeito de traballar. Por exemplo, Cibrán Tenreiro, Toni González, Mar Catarina e Rubén Domínguez percorreron xuntos todo o territorio axudándose uns aos outros coas súas curtas. A colaboración foi tal que a obra dos dous primeiros, titulada «Xente bonita #1», e a dos dous segundos, chamada «Nimbo», teñen sentido por separado, pero tamén poden verse como un díptico… ou mellor aínda como dous espellos enfrontados.

A peza de Tenreiro afonda na vida que temos e na que desexamos, tocando temas coma o traballo, a realización persoal ou a necesidade de estabilidade laboral. Catarina e Domínguez, do outro lado do espello, serven «unha película de amigos, que fala da amizade, da exploración do territorio, de descubrir dunha forma infantil e pura».

A experimentación visual tamén tinguiu «Sen orde nin ficción» da novísima Natalia Fernández, quen traballou sobre a idea de disociar as paisaxes físicas das humanas para transmitir o concepto de que unha non ten sentido sen a outra. Máis arriscada e tecnicamente complexa foi a «Irmandade» proposta por Helena Girón e Samuel Delgado. Caras filmadas dentro dun hórreo en 16 mm fotograma a fotograma e con longas exposicións que se van superpoñendo alternadas con imaxes de auga e un son irrecoñecible pero suxestivo. Peza que, sen dúbida, dará que falar no próximo S8 e noutros festivais centrados na videocreación.

Nese ambiente onírico e difícil de asignar a un xénero encádrase «Rexistros», de Adrián Canoura. As texturas do vídeo analóxico son elementos para xogar coa luz e a cor, pero tamén lle serven ao autor para rozar o documentalismo narrando o proceso case surrealista de confección dun espantallo.

En surrealismo son expertos Andrés Goteira e Suso López, tándem creativo da aclamada «Dhogs». Para o Chanfaina fixeron a curta «Nena-Dina», protagonizada por Ángeles Rodríguez -a Nena de García- e Erundina Díaz. Mulleres afoutas que, coma outras, termaron e terman da vida e que na peza aparecen descontextualizadas, nun escenario burgués que contrasta coas vivencias que elas mesmas nos contan.

Pechando o apartado de maiores riscos narrativos atopamos a Lucía Estévez con «Arrolo. Work in progress», protagonizado por Melania Cruz. O fragmento dese traballo aínda inacabado presenta a unha muller que grava o seu día a día en cintas de casete que despois escoita polas noites para recordar. Ata que no medio deses recordos gravados aparecen outros mesturados.

O son é fío condutor do documental «O silencio dos eólicos», de Aser Álvarez. Vencellado profesionalmente co medio rural, Álvarez aborda o pequeno mundo dunha explotación gandeira rodeada de aeroxeradores. Racamonde e a familia Anca-Arnoso protagonizan o retrato dun xeito de vivir ameazado pola modernidade dos mercados globais que, neste caso, está marcado pola case perpetua banda sonora das andaravías.

Por outra banda, o italiano Simone Saibene xoga coa polisemia en «A chamada», xa que unha chamada pode ser telefónica, pero tamén esa derradeira «chamada» que nos levará a todos e todas á cova. O director filmou dúas veces a súa película, unha durante a fin de semana do Chanfaina e outra á semana seguinte, debido a un problema de almacenamento que lle fixo perder todo o material gravado inicialmente. Dobre mérito para un autor e unha peza que nos achega ao mundo funerario sen que ese sexa o seu tema principal, senón máis ben o paso do tempo e a incerteza de non saber cando se deterá.

O último oco do programa da tarde-noite estivo reservado para o fotógrafo Gabriel Tizón, figura que planeou de forma imperceptible por todas as rodaxes do mes de setembro para roubar momentos e personalidades de todas as persoas que participaron no proxecto. «Soñadores» é iso, unha secuencia de fotografías excepcionais de xente que soña para poder crear os soños dos demais. O ramo perfecto para 140 minutos de cine feito desde aquí para o resto do mundo.

A partir do venres da semana que vén empezan as estreas virtuais na canle de youtube do Chanfaina Lab. Ademais, moitas das obras tamén empezarán a circular xa por festivais e certames de dentro e fóra de Galicia.