Luns 22 de Abril de 2019

O Concello de Noia abre ata o vindeiro 18 de febreiro o prazo de presentación de candidaturas aos premios da Gala do Deporte


 

Poderán presentar candidatos/as os clubs deportivos de Noia, así como persoas que practiquen unha modalidade deportiva que non conte cun club no municipio

O Concello de Noia abre ata o vindeiro luns 18 de febreiro o prazo de presentación de candidaturas aos galardóns da Gala do Deporte, na que serán recoñecidos/as os/as mellores deportistas e entidades deportivas do municipio. Despois das reunións preparatorias celebradas co tecido deportivo de Noia, os galardóns que se outorgarán na Gala do Deporte serán:

– mellor deportista, modalidade masculina e feminina
– promesa máis destacada, modalidade masculina e feminina
– mellor equipo de Noia, modalidade masculina e feminina
– mellor club do concello de Noia
– mellor deportista de Noia na modalidade de deporte adaptado
– mellor adestrador ou directivo de Noia
– mellor evento deportivo do ano celebrado en Noia
– recoñecemento especial do Concello de Noia a toda unha vida deportiva.

As candidaturas deberán formalizarse na Concellaría de Deportes, ben de xeito presencial, ben enviando o impreso oficial das propostas debidamente cumprimentado antes do luns 18 de febreiro (deportesnoia@gmail.com). As propostas deberán recoller unha exposición detallada dos méritos do/a candidato/a, sendo posible engadir cantos documentos se consideren relevantes tales como un certificado da Federación correspondente que avale os méritos da/o candidata/o. As propostas poden ser presentadas polos distintos clubs de Noia, así como particulares no caso de persoas que practiquen unha modalidade deportiva que non conte cun club no municipio.

O concelleiro de Deportes, Ramón Santos Pérez explica que “con esta iniciativa queremos recoñecer e distinguir o traballo diario dos e das nosas deportistas e clubs de Noia, polo que agardamos que esta Gala do Deporte teña continuidade nos vindeiros anos”. De feito, nas bases especifícase que os premios poderán ser recibidos en máis dunha ocasión, coa excepción do recoñecemento especial do Concello de Noia a toda unha vida deportiva, que só se poderá recibir unha vez e que dará dereito a participar como xurado o seguinte ano.

Os premios desta Gala do Deporte serán entregados durante un acto que terá lugar no Coliseo Noela o próximo mes de marzo.