Domingo 25 de Agosto de 2019

15 persoas participaron no primeiro exercicio da fase de oposición para a lista de Traballo Social de San Sadurniño


 

O Concello convocou para hoxe ás 9.30h. a primeira proba da fase de oposición para a creación dunha lista de contratación da praza de Traballo Social. Un total de 23 persoas solicitaron participar no proceso selectivo, aínda que finalmente só se presentaron 15 a este primeiro exame. A proba consistiu nun cuestionario de 50 preguntas con tres posibles respostas ao respecto dos contidos dos 30 temas establecidos nas bases. As persoas que aproben aínda terán que enfrontarse a un segundo exercicio dentro dunha semana, o martes 19 a partir das 9.30h. na Casa da Xuventude. Ao remate de todo o proceso confeccionarase un listado ao que se acudirá para cubrir de forma interina o posto da titular, Cristina Paz, quen ten concedida unha excedencia tras opositar e conseguir unha das prazas ofertadas polo SERGAS na Coruña.

O exame desenvolveuse na Casa da Xuventude durante unha hora e, tralo seu remate, o Tribunal reuniuse na Casa do Concello para corrixilo e asignar as puntuacións provisionais, publicadas pouco despois das dúas da tarde xunto coa folla de respostas correctas.

Inicialmente podían participar nesta primeira proba un total de 23 aspirantes. Porén, á convocatoria presencial desta mañá só acudiron 15 e, delas, 9 obtiveron a puntuación suficiente -mínimo 15 puntos dos 30 posibles- para pasar ao seguinte exercicio, que terá lugar tamén na Casa da Xuventude o próximo martes 19 de febreiro ás 9.30h. Cómpre ter en conta, iso si, que as cualificacións publicadas aínda poderían variar, posto que o Concello mantén aberto o prazo de alegacións ata o venres.

O contido do seguinte exercicio -o do martes da próxima semana- estará centrado na resolución de un ou máis supostos prácticos propostos polo tribunal. As persoas aspirantes disporán de 2 horas para facelo. Aínda que nas bases se sinalaba tamén a posibilidade de efectuar unha proba lingüística, finalmente non será necesaria posto que todas as persoas participantes acreditaron o coñecemento do galego con certificacións CELGA 4 ou cursos de perfeccionamento oficiais.

Ao remate de todo o proceso publicarase unha lista ordenada cos nomes e as puntuacións acadadas e, chegado o momento, seguirase a mesma orde para facer os chamamentos, que se cursarán por escrito aínda que en casos urxentes tamén se poderán efectuar por teléfono. A lista non funcionará de forma rotatoria, senón que as persoas que cumpran os requisitos manterán sempre a mesma prioridade nos chamamentos. A relación de nomes terá vixencia até o día 31 de decembro de 2020 a menos que se convoque un novo proceso selectivo antes desa data.