Mércores 11 de Decembro de 2019

O Concello de Oroso adianta o acendido do alumeado de Nadal nun par de semanas como medida de apoio ao comercio local


O Concello de Oroso acendeu na noite do venres o seu alumeado de Nadal, un par de semanas antes do que viña facendo nos últimos anos. “Este ano decidimos adiantar o acendido do alumeado de Nadal como unha maneira de apoiar ao comercio local e de animar tamén á xente a que fagan as súas compras de Nadal no comercio de Oroso”, explica o alcalde Manuel Mirás.

Un alumeado navideño que se concentra na capital municipal, tanto nas avenidas de Compostela e da Garabanxa como nas principais rúas comerciais do casco urbano de Sigüeiro. “O aforro que conseguimos ao longo do ano coas novas luminarias e a nova tecnoloxía Led instalada no alumeado municipal servirá para financiar o gasto deste adianto do acendido do alumeado de Nadal”, indica Manuel Mirás, quen salienta que “porén seguiremos mantendo a nosa política de reducir outros gastos típicos destas festas, como non facer calendarios ou axendas”.