Luns 09 de Decembro de 2019

O Concello de Brión abre a inscrición no seu Concurso de Disfraces, que repartirá 2.750 € en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo


 

As inscricións estarán abertas na Casa da Cultura (981 509 908) ata o 7 de marzo. Non se admitirán inscricións o mesmo día do concurso

O Concello de Brión abriu hoxe luns a inscrición no seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.750 euros en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. O prazo de anotación está aberto ata o 7 de marzo ben en persoa (na Casa da Cultura de Brión), ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas.

Todos os participantes no concurso terán a obriga de participar no desfile de Entroido que, se o tempo o permite, sairá o domingo 10 de marzo, ás 16:30 horas, da Carballeira de Santa Minia e percorrerá as rúas de Pedrouzos ata o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces. Os participantes estarán acompañados pola música da charanga Os Celtas. Unha vez finalizado o concurso, a orquestra Gran parada amenizará a Festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.

Os dorsais poderán recollerse entre as 15:00 e as 16:30 horas na Carballeira de Santa Minia. Se o tempo acompaña, todos os participantes sairán en desfile. Se chovera, os participantes concentraranse directamente no polideportivo.

Categorías

As bases do concurso, que se poden consultar na web municipal (www.concellodebrion.gal), establecen cinco categorías que se repartirán 2.750 euros en premios. Na Categoría Infantil (menores de 11 anos) e na Categoría Xuvenil (de 12 a 17 anos) entregaranse tres vales canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na Categoría de Adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con tres premios de 100, 70 e 40 euros; e parellas, con premios de 140, 100 e 60 euros.

Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas) haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 140, 100 e 70 euros; e adultos, con tres premios de 180, 140 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse cinco galardóns de 260, 225, 175, 150 e 100 euros.

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o lucimento do traxe sobre o escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo de 3 minutos (individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas) para facer as súas presentacións.