Venres 05 de Marzo de 2021

O Concello de Boqueixón imparte dúas sesións formativas en técnicas de estudo e mellora da comunicación coas crianzas


 

Ambas sesións estiveron dirixidas por Ana Couto, pedagoga e especialista en Educación Emocional

Unha vintena de persoas participaron nas dúas charlas formativas gratuítas organizadas polo Concello de Boqueixón dentro do Proxecto de Prevención de Condutas Aditivas. Unhas sesións que foron impartidas por Ana Couto, pedagoga e especialista en Educación Emocional, e que contaron coa colaboración da APA O Forte, da ANPA ‘Val do Ulla’ do CRA Boqueixón-Vedra e da Consellería de Sanidade.

A primeira das charlas, Estudar con sentido. Aproveitar o tempo e mellorar a concentración no estudo, estivo dirixida a alumnado de 6º de Educación Primaria, ESO e Bacharelato. A sesión tivo lugar na aula de usos múltiples do CPI Antonio Orza Couto e nela Ana Couto ofreceulles aos rapaces e rapazas unha serie de claves para optimizar o tempo de estudo e facilitar a súa concentración.

Acto seguido, a aula de usos múltiples da Casa do Concello acolleu a charla Onde se merca a paciencia? Claves para mellorala, na que a pedagoga e especialista en Educación Emocional guiou aos pais e nais asistentes na mellora da comunicación cos seus fillos e fillas para optimizar a súa relación.