Martes 12 de Novembro de 2019

O SNL da Mancomunidade convoca o concurso  ‘Rosalía e as nosas letras’


 

Dirixido ao alumnado de primaria e secundaria dos centros da comarca, os audios e vídeos poderán enviarse vía Facebook ata o próximo 17 de maio
Co gallo do Día de Rosalía, que se conmemora este vindeiro domingo, o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pon en marcha o concurso ‘Rosalía e as nosas letras’.
Este vai dirixido ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos da comarca (concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo). Deberán colgar o seu vídeo ou audio recitando os seus versos favoritos da autora ou de calquera outro nome propio ao que se lle dedicara algunha edición do Día das Letras Galegas, sen que teña que ser exclusivamente poesía. Terán que facelo no evento creado especialmente na páxina de Facebook da Mancomunidade de Ordes. Será imprescindible que se indique o centro e o curso ao que se pertence. As datas para poder participar irán dende o próximo domingo, 24 de febreiro, ata o 17 de maio. Os premios daranse en canto a orixinalidade e esforzo levado a cabo, ademais de terse en conta tamén o número de gústames.
Con esta iniciativa o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes quere apoiar a proclamación do Día de Rosalía o 24 de febreiro, ademais de conmemorar o Día das Letras Galegas, 17 de maio, que se iniciara en 1963 para celebrar o centenario da publicación de ‘Cantares Gallegos’ da propia Rosalía de Castro.