Venres 05 de Marzo de 2021

O Concello de Frades e a asociación “Só lles falta falar” promoven sesións pedagóxicas con cans no CPI Ponte Carreira


O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, explica que “o programa desenvolverase durante todo o curso e adaptarase ás necesidades didácticas e pedagóxicas de cada grupo de Idade”

O Concello de Frades, a través da asociación “Só lles falta falar”, vén de poñer en marcha unha nova iniciativa educativa no CPI Ponte Carreira consistente nunhas sesións de innovación pedagóxicas con cans. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, asistiu á primeira sesión e resaltou a gran acollida que tivo tanto entre nenos e nenas como entre o profesorado.

Manuel Ferreiro explica que “o que intentamos é promover a interacción positiva dos nenos e nenas cos animais de compañía, polo que o programa desenvolverase durante todo o curso e adaptarase ás necesidades didácticas e pedagóxicas de cada grupo de idade”. Os encargados de impartir as sesións serán membros da asociación “Só lles falta falar”, que empregarán cans de soporte terapéutico.