Sábado 22 de Febreiro de 2020

Lousame conmemorará o Día da Muller coa mostra de José Tembra “A metade do ceo” e a entrega dos premios do concurso de fotografía


Luz María Sambade Roo foi a gañadora do concurso de fotografía “Nós compartimos… e ti?”

O Concello de Lousame conmemorará este venres 8 de marzo o Día da Muller con dúas actividades na Casa da Cultura: a entrega de premios do concurso de fotografía “Nós compartimos… e ti?” e a inauguración da exposición “A metade do ceo”, de José Tembra. Uns actos que estarán presididos pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo.

Así, ás 20:00 horas terá lugar a inauguración dunha mostra coas 15 fotografías participantes no concurso “Nós compartimos… e ti?”, que se levou a cabo durante a pasada semana na páxina en Facebook do Concello de Lousame. Un concurso no que participaron 15 propostas, que recibiron un total de 1.650 votos dos internautas.

A gañadora do certame foi Luz María Sambade Roo, con 372 votos por parte da veciñanza, polos que recollerá ese venres un vale por unha escapada de tres días. Durante esta semana terá lugar o sorteo doutro vale por unha escapada de 2 días entre todas as persoas que participaron no certame. As quince imaxes estarán expostas na Casa da Cultura, onde a partir das 20:30 horas terá lugar a lectura dun manifesto a prol da igualdade, a entrega de premios e a actuación da Escola de Música de Lousame.

Ás 21:00 horas, as persoas asistentes desprazaranse ata a sala de exposicións (no primeiro andar) para visitar a mostra sobre mulleres “A metade do ceo”, do artista José Tembra Redondo (Taragoña). A mostra reúne unha selección de obras elixidas polo escultor para renderlle homenaxe á muller.