Luns 16 de Decembro de 2019

Apoio da Mancomunidade de Ordes ás políticas de igualdade


 

Aposta forte polo mantemento do seu CIM e polo desenvolvemento de programas de apoio a mulleres vítimas da violencia machista ou en situación de vulnerabilidade. No último pleno tamén se acordou continuar co Servizo de Orientación Laboral e coa promoción e o impulso do cooperativismo
6 de marzo de 2019. A piques de celebrarse o Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o último pleno da Mancomunidade de Ordes acordou por unanimidade manter o seu Centro de Información á Muller. Un servizo para o que se lle solicitará á Secretaría Xeral de Igualdade a subvención correspondente ao 90% aproximadamente do seu custo total, o cal ascende a arredor de 120.000 €. Deste xeito poderase manter o cadro de persoal, que neste momento consta dunha directora, psicóloga, asesora xurídica e axente de igualdade. Unha medida en prol da promoción da igualdade e que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra á violencia de xénero.
Neste eido cómpre lembrar o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, o cal recolle como unha das súas prioridades o fomento das políticas de igualdade no eido local a través, entre outras medidas, da consolidación da Rede de centros de información á muller de Galicia, da colaboración e coordinación coa Administración local para o deseño e implantación de programas e medidas de conciliación, así como para a prevención e atención integral en materia de violencia de xénero.
Entre os proxectos marcados polo CIM da Mancomunidade de Ordes para a vindeira tempada destaca un novo programa de prevención e tratamento integral contra a violencia de xénero. Están previstas actuacións de promoción da igualdade, especialmente coas mulleres que sofren algunha circunstancia de vulnerabilidade, ademais de intervencións orientadas a mellorar a súa situación e a dos seus fillos, fillas ou persoas dependentes delas. Preténdese incidir e potenciar aspectos relacionados coa súa autoestima, apoderamento, asesoramento xurídico etc para mellorar a súa situación persoal, social e laboral. Unha medida que tamén se fará extensible a mulleres que polas súas circunstancias persoais ou derivadas do seu contorno máis próximo aconsellen este tipo de intervención como medida preventiva.
Cursos
Para lograr os obxectivos o CIM propón a realización dun curso en cada un dos sete concellos da comarca, dirixido á recuperación da identidade, autonomía e restauración dos proxectos vitais, ademais do apoio á restauración social e laboral das participantes.
Os restantes acordos tratados polo Pleno que tivo lugar hai escasos días están relacionados co eido laboral e co mantemento dos axentes integrados no seu Servizo de Orientación Laboral. Para tal fin a Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo pública recentemente a convocatoria da subvención para tal fin e que será solicitada por parte do ente supramunicipal. Isto permitiría sufragar o 75% deste servizo, o cal ascende a arredor de 65.000 €.
Decidiuse tamén levar a cabo actuacións de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social consistentes en feiras, visitas a cooperativas e promoción para participar en concursos temáticos para o alumnado de secundaria, cursos en liña sobre dirección e administración, xornadas de información etc.
En base a todo isto solicitarase á Consellería de Economía, Emprego e Industria a subvención dirixida ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para a promoción e o impulso do cooperativismo e da economía social. Unha achega que cubriría aproximadamente o 80% do seu custo total, o cal rolda os 12.000 euros.