Domingo 21 de Xullo de 2019

A Xunta e os concellos da área de Santiago acordan por unanimidade renovar para 2020 o Plan de Transporte Metropolitano, cun orzamento de case 1,4 millóns de euros


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achega 1,1M€ e os 18 concellos integrantes desta área preto de 243.000 euros

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2020, cun orzamento de preto de 1,4 millóns de euros.

Segundo este acordo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará máis de 1,1 millóns de euros, correspondéndolles ao conxunto dos 18 concellos integrantes da área de transporte un total de 243.000 euros.

Este plan permite viaxar na área de Compostela a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Os usuarios que aboan as viaxes coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia acceden a descontos nas viaxes interurbanas e dispoñen de gratuidade nos transbordos co transporte urbano.

O convenio prorrogado hoxe supón tamén descontos adicionais do 15% para os usuarios recorrentes (aqueles que realizan máis de 40 viaxes ao mes) e bonificacións tamén para membros de familias numerosas, neste caso de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Ademais, os menores de 19 anos poden viaxar de balde empregando a tarxeta Xente Nova.

A Área de Transporte Metropolitano de Santiago está integrada por un total de 18 concellos: A Baña, A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente en cinco áreas de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) con 65 concellos incorporados.