Luns 17 de Xuño de 2019

José González anima a apostar pola calidade para revalorizar as produccións agrícolas e gandeiras


O conselleiro sinalou que hai que buscar a excelencia para destacar nun mercado cada vez máis interconectado e competitivo
O conselleiro do Medio Rural, José González, clausurou a terceira poxa de elite de gando frisón de Curtis. Alí aproveitou para animar aos produtores a apostar pola calidade e diferenciación para revalorizar os seu produtos tanto agrícolas como gandeiros, como é o caso da feira de Curtis. En concreto, José González declarou que Galicia ten que competir e que para facelo hai que buscar a excelencia para destacar nun mercado cada vez máis interconectado e competitivo.

Segundo o titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo alcalde, Javier Caínzos, a poxa de hoxe representa o camiño a seguir para o rural, para facer do sector primario galego un referente. José González defendeu tamén que apostar polo rural é vital para o futuro de Galicia.

Respecto á feira de Curtis, o conselleiro trasladou que se trata da única poxa que se celebra en Galicia especializada en reses de alta calidade xenética, de aí que acudan compradores de toda España e incluso de Portugal. Este ano poxáronse 18 vacas frisonas e contouse coa participación de oito das máis importantes gandarías da nosa comunidade.

Neste sentido, José González sinalou que esta feira ten como principal obxectivo apoiar o sector primario e agrogandeiro da comarca, así como visibilizar o traballo e o investimento dos gandeiros que optan por mellorar a xenética bovina. Así, explicou que o evento supón un escaparate nacional e internacional para dar a coñecer, comercializar e rendibilizar esa dedicación persoal e económica. Ademais, evita aos gandeiros galegos ter que saír fóra da comunidade para comprar gando frisón de elite, o que lle permite mellorar as súas explotacións.

Ademais, como preámbulo desta poxa, o concello de Curtis organizou tamén a III Xornada do Rural Galego, unha acción formativa para impulsar o sector primario. Nesta edición, fíxose a través dunha xornada técnica monográfica sobre o cultivo do millo, que contou coa presenza do director do Axencia Galega da Calidade Alimantaria (Agacal), Manuel Rodríguez, na súa inauguración.