Martes 18 de Xuño de 2019

A Escola Infantil Municipal A Rolada oferta 22 prazas de novo ingreso para o curso 2019/2020


O centro infantil de San Sadurniño mantén aberto o prazo de solicitude até o 1 de abril

 

O venres finalizou o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal A Rolada para aquelas familias que teñen crianzas matriculadas no centro pero que van cambiar de aula no curso que vén. Ao peche dese prazo, o Concello rexistrou un total de 16 peticións, 13 para nenas e nenos que pasarán á unidade de 2 a 3 anos e 3 para meniños que cambiarán tralo verán á aula de 1 a 2 anos. Así as cousas, o centro dispón para novo ingreso dun total de 22 prazas, que poderán solicitarse desde hoxe e ata o día 1 de abril. A documentación pode recollerse na propia escola, por onde haberá que pasar de novo antes de entregala no Concello. As persoas que queiran facerlle algunha consulta á Axente de Igualdade en referencia coa EIM, deben saber que o horario de atención ao público do servizo é desde as 8.30 até as 12.30h.

A EIM A Rolada ten capacidade para atender 38 nenas e nenos. A distribución por cursos é a seguinte: 8 prazas para nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 prazas para criaturas de un a dous e 17 para a cativería de entre dous e tres anos.

Estas prazas ocúpanse en dúas quendas de solicitude, a primeira para familias con rapazada xa matriculada e a segunda -a que abre hoxe- para a incorporación de novo alumnado en calquera dos tres cursos na medida en que haxa vacantes trala reserva.

De acordo coas solicitudes presentadas no primeiro período, a escola infantil disporá para novos ingresos das 8 prazas da unidade de 0 a 1 ano, 10 prazas na unidade de 1 a 2 anos e tan só 4 prazas na aula de 2 a 3 anos.

A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de catro a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá ou media xornada de tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.

Trala publicación no BOP o venres pasado das tarifas actualizadas segundo o IPC, os prezos polos servizos ofertados quedan coas seguintes contías:

Concepto Cota vixente
Matrícula (anual) 21,09 eur.
Mensualidade a xornada completa (8h.) 205,62 eur.
Mensualidade a media xornada (4h.) 123,37 eur.
Xornada de 2 horas 73,81 eur.
Hora complementaria (prezo mensual) 21,09 eur.
Hora extraordinaria (prezo diario) 3,69 eur.
Comedor mensual para almorzo 26,36 eur.
Comedor mensual para xantar 82,25 eur.
Comedor mensual para merenda 26,36 eur.
Comedor en día solto 4,22 eur.

Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de solicitude de praza débese acudir ao propio centro -981 490 369-, onde facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. Unha vez cubertas as solicitudes tamén será alí onde fagan a comprobación de que non falta ningún papel para que logo sexan as propias persoas interesadas quen rexistren a documentación no Concello. Ademais tamén se pode acudir cabo a Axente de Igualdade, que atende de luns a venres en horario de 8.30 a 12.30h. O último día para presentar os papeis é o 1 de abril.