Mércores 16 de Outubro de 2019

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, destaca a implicación da comunidade educativa do CPI de Fonte-Díaz (Touro)


 

O centro educativo é moi activo no desenvolvemento de programas educativos innovadores e transversais

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o CPI de Fonte-Díaz, na localidade coruñesa de Touro, onde tivo a oportunidade de agradecerlle á comunidade educativa a súa implicación. Non en balde, ademais de ser plurilingüe desde o curso 2010/11 e incorporar no curso actual o plurilingüismo na etapa de infantil, o centro desenvolve numerosos programas educativos innovadores e transversais. Na súa visita, a conselleira estivo acompañada polo alcalde, Ignacio Codesido, e polo director do centro, Daniel Pereiro. Tamén os acompañaron membros da corporación municipal de Touro.

A conselleira, que tamén visitou a sede do Concello e saudou aos seus traballadores, destacou que o traballo diario dos docentes do CPI Fonte Díaz fai posible que o alumnado de centros do rural coma este teñan as mesmas oportunidades cós centros con maior número de estudantes situados en núcleos de poboación de maior tamaño.

O centro educativo, o único do concello de Touro, desenvolve este curso varias liñas dos contratos programa, en concreto o Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA), a de mellora das competencias clave en matemáticas e en comunicación lingüística, a de mellora da convivencia e promoción da igualdade e a destinada a mellorar a xestión dos centros educativos.

O CPI participa, así mesmo, no Plan Proxecta, iniciativa na que colaboran diferentes organismos e que está dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. Neste caso o centro participa este curso no programa Aliméntate ben, para a mellora dos hábitos alimenticios do alumnado; en Donas de si, de visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega; e en Xogade, para a promoción da vida activa e saudable.

Na súa visita a conselleira tamén estivo acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.