Martes 17 de Setembro de 2019

O CIM de Boqueixón organiza o 6 de abril unha Mesa-Debate con Carme Adán en torno ao seu libro ‘Feminicidio: unha nova orde patriarcal en tempos de submisión’


 

As persoas interesadas poderán adquirir a publicación no propio concello ata o vindeiro 27 de marzo

O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón organiza unha Mesa-Debate con Carme Adán en torno ao seu libro Feminicidio: unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. A cita, que se desenvolve grazas ao apoio da Deputación da Coruña, será o vindeiro sábado 6 de abril ás 17.00 horas na Casa do Concello boqueixanesa.

Segundo explican dende o CIM, o obxectivo desta actividade –coa que se pechará o programa co gaio do 8M- é debater sobre a violencia de xénero e diferenciala da violencia doméstica a través da lectura deste libro. Para iso, recoméndase que as persoas interesadas en participar nesta mesa-debate adquiran cadansúa publicación para poder lela previamente.

Os libros pódense recoller no propio concello antes do 27 de marzo, previa inscrición a esta sesión. Esta deberase realizar no CIM a través do teléfono 981 513 061 ou no enderezo electrónico cim@boqueixon.com.