Domingo 15 de Decembro de 2019

A gardería municipal de Brión celebra a Semana da Música con catro actuacións de familiares dos seus alumnos e alumnas


 

Esta mañá actuaron Borxa e Amparo, que combinaron os monicreques con música de gaita e pandeireta

Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión gozaron esta mañá dunha actuación especial a cargo de Borxa e Amparo, pai e nai de dúas cativas da gardería e que improvisaron grupo musical, tocando a gaita e a pandeireta, respectivamente. Así mesmo, Borxa empregou algúns dos monicreques que manexa na súa compañía Títeres Alakrán.

Trátase dunha das catro actuacións da Semana da Música da Gardería de Brión, unha iniciativa posta en marcha pola escola infantil brionesa para que os cativos se inicien no gusto á música e que conta coa colaboración desinteresada de ex-alumnos, pais e nais que comparten a súa arte cos pequenos. Así, os nenos e nenas asistiron hoxe a este concerto de pouco máis de 45 minutos nos que Borxa e Amparo interpretaron varias xotas e muiñeiras, aproveitando tamén para que os pequenos se acheguen aos distintos instrumentos: gaita, pandeireta, tambor…

A Semana da Música 2019 da gardería municipal de Brión arrincou o luns coa actuación de Cris, que cantou e tocou a guitarra; e continuou onte mércores con Fran e Félix, que fixeron un ensaio do seu espectáculo “Saaaabor”, con música en directo e trebellos de cociña. A iniciativa pecharase mañá venres coa actuación de Marcos e Rubén, dous integrantes da charanga “Os Celtas”.