Luns 16 de Setembro de 2019

O Concello de Frades súmase ao programa de compostaxe de Sogama


 

A iniciativa desenvolverase en 25 vivendas unifamiliares que dispoñan de xardín ou horta no que aplicar o compost resultante

O Concello de Frades decidiu adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama para a recuperación da materia orgánica en orixe. Un total de 25 vivendas unifamiliares de Frades, que dispoñan de xardín ou horta no que aplicar o compost resultante, formarán parte desta iniciativa.

Sogama dotará ao Concello de Frades con 25 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán subministrados nos fogares participantes, así como outros tantos manuais didácticos. Trátase dunhas guías de apoio para que os veciños poidan coñecer con máis precisión a técnica e solucionen a través das mesmas as dúbidas máis frecuentes.

Técnicos ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente tamén impartirán un curso de formación presencial en Frades para explicar con máis detalle o alcance da autocompostaxe e clarificar aspectos de gran relevancia para un resultado de calidade: onde emprazar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo, importancia de controlar parámetros esenciais tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e como utilizar o compost resultante.

Os interesados teñen á súa disposición unha web (www.compostaconsogama.gal), na que poderán atopar toda a información ao respecto, e mesmo recursos de interese (vídeos e xogos) para profundar na técnica e os seus beneficios.

Beneficios

A compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma que os servizos municipais poidan minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.

Así mesmo, para o Concello de Frades suporá un importante beneficio económico, xa que reducirá a cantidade de residuos que se envían a Sogama para o seu tratamento, polo que o importe da factura a pagar será menor. E, desde un punto de vista social, recuperarase unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.