Luns 16 de Setembro de 2019

200 ACTORES E ACTRICES DE CINCO AULAS DE TEATRO PARTICIPARÁN O DOMINGO, 31 DE ABRIL, NO IX FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE TOURO


 

O Salón de Plenos do Concello de Touro acolleu esta mañán a presentación do IX FESTIVAL GALEGO DE TEATRO ESCOLAR DE TOURO que se celebrará o domingo, 31 de marzo, na aldea de Brandelos e na Casa de Cultura de Fonte Díaz e no que participarán 200 actores e actrices de cinco aulas de teatro. Esta cita coas artes escénicas está organizada pola ANPA do CPI de Touro e conta coa colaboración do Concello de Touro, o grupo As Nenas do Sapo Dourado, Loxo; a Asociación Cultural A Pinguela de Bama e a Banda de Música Isabel II de Touro. Na presentación participaron o alcalde desta vila, Ignacio Codesido Barreiro; a concelleira de Cultura, Victoria Pazos Pérez; a tesoureira e o president da Pinguela de Bama, Patricia Remeseiro Pazos e José Manuel Caneda; a representante das Nenas do Sapo Dourado, Anuncia Tarrío; o Presidente da Banda de Música, Manuel Rodríguez; o representante da ANPA, Javier Soto; a Técnica de Cultura, Cristina Andújar; o alumnado que protagoniza o roteiro e o director de teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Laxe, Compostela, Palas de Rei e A Estrada). O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 11:00 horas na aldea de Brandelos, que estará protagonizado polo alumnado do CPI de Touro e polos grupos As nenas do Sapo Dourado, A Pinguela de Bama e nais do alumnado. Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión da cultura.

Ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Escola Municipal de Teatro de Laxe, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas Teatro” e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo VOGANDO NOS CONTOS. Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto… Este traballo de máis douscentos actores e actrices amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano; reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativo colectivos…

Vogando nos soños supón, ademais, unha viaxe ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e voar. Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que, paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e libre. Máis feliz. Máis humano. Trátase, pois, dun espectáculo que pretende alentar o desfrute dos sentidos converténdoos en ferramenta subversiva que contribúa a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo PARA TI! Arriba o pano!

Como peche a este espectáculo actuará a BANDA DE MÚSICA ISABEL II, de Touro.

Este Festival permite que o alumnado das cinco aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2018/19 nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 8 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, A Estrada, Laxe, Bologna, Florencia e Pisa.