Luns 16 de Setembro de 2019

O DOG publica o plan de aproveitamento para poder pescar anguía na desembocadura do Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro


A Consellería de Medio Ambiente mantén para este ano as principais condicións e medidas que rexeron a tempada pasada para esta actividade tradicional

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de fixar as condicións e requisitos que rexerán esta tempada para a pesca de anguía na desembocadura do río Tambre. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia, que publica hoxe a renovación do plan de aproveitamento específico desta especie, que mantén os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña de 2018.

O período hábil de pesca para este ano estenderse do 1 de maio ata o 30 de setembro, entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado. O tamaño mínimo dos exemplares capturados queda fixado un ano máis en 20 centímetros, coa obriga de devolver ao río as anguías que non dean a talla, así como outras especies de peixe que entren nas nasas. De feito, segundo se recolle na resolución, só se autoriza a captura de exemplares na fase do seu ciclo vital denominada “anguía amarela”, fixándose como obrigatoria a devolución inmediata daquelas que presenten signos externos da fase “anguía prateada”.

Así mesmo, para a práctica da pesca desta especie na desembocadura do Tambre a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional de carácter tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas moi concretas de desembocadura dos ríos galegos. No caso do Tambre, o tramo en cuestión discorre na zona comprendida entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Pontenafonso, onde desenvolve a súa actividade a Confraría de Pescadores de San Bartolomé de Noia, que conta con dúas embarcacións que exercen esta actividade, con cinco tripulantes cada unha.