Venres 18 de Outubro de 2019

O concello de Riveira segue reducindo débeda, que xa se sitúa no 36,47%, case 21 puntos menos que ao comezo deste mandato


O REMANENTE XERAL DE TESOURERÍA FOI DE 18,8 MILLÓNS DE EUROS MENTRES QUE O REMANENTE PARA GASTOS XERAIS SE ELEVOU A 6,9 MILLÓNS

O Concello vén de dar luz verde a liquidación do Orzamento do Concello de Riveira para 2018 que reflicten un ano máis a boa saúde financeira da administración local, cunhas cifras moito mellores que cando principiou este mandato segundo informou o alcalde Manuel Ruiz.

Asi, o remanente xeral de tesourería foi de 18.799.330 euros mentres que o remanente axustado para gastos xerais se elevou ata os 6.894.896 euros.

Os fondos líquidos do Concello ascendían a 31 de decembro de 2018 ascendían a 11.724.890 euros. Polo que se refire á ratio do resultado orzamentario (é dicir, a diferenza entre os dereitos liquidados durante o exercicio e as obrigas recoñecidas durante ese mesmo período) tamén arroxou un resultado positivo de 1.458,356 (como consecuencia de restar 22.910.189 euros, que son as obrigas recoñecidas netas, a 24.368.545 euros, que son os dereitos.

O aforro bruto é de 4.282.122 euros e o aforro neto, de 2.980.857 euros. O endebedamento segue descendendo substancialmente, pois se ao principio deste mandato (2015) era do 57,22%, agora se sitúa no 36,47% a pesar de ter que cofinanciar a EDUSI do Riveira Atlántica 2020.

Superávit
Todas estas cifras fan que o superávit do Concello ascenda a 1.669.522 euros, cantidade que segundo declarou o alcalde a intención é empregala por unha parte para seguir reducindo débeda e por outra para aumentar o patrimonio do Concello, e así llelo ten trasladado aos grupos municipais.

A este respecto, o alcalde mencionou conceptos como a adquisición dunha nave propia para a brigada de obras, a compra dun baixo próximo aos terreos da nova comisaría onde se pretende implantar un novo servizo que se espera confirmar en breves datas e, en terceiro lugar, a compra das antigas naves do salazón situadas no entorno do Touro. Por último, tamén se quere empregar o superávit para o arranxo integral da Casa da Xuventude.