Mércores 11 de Decembro de 2019

O BOP publica as bases para a concesión de bolsas para deportistas concedidas polo Concello de Ordes


As solicitudes poderán presentarse ao longo dos próximos 20 días hábiles. Por segundo ano consecutivo concédense estas axudas, que nesta ocasión se incrementan ata os 8.000 euros

O Concello de Ordes vén de publicar as bases para a concesión de bolsas a deportistas individuais do municipio de cara ao vixente ano. Unha convocatoria da que se dá conta no día de hoxe a través do Boletín Oficial da Provincia coa publicación do seu extracto. Para esta iniciativa a entidade local destina un total de 8.000 euros co fin de fomentar a práctica deportiva de calquera tipo. Dita concesión se realizará baixo o sistema de concorrencia competitiva, sendo este o segundo ano que se convoca de forma consecutiva.

Para poder optar a estas axudas será imprescindible estar empadroado/a no municipio e ter os 12 anos cumpridos, posuír licenza federativa, ter participado ao longo de 2018 en calquera proba oficial de nivel autonómico ou superior (tamén se valorarán as convocatorias das seleccións galega ou española), non ser beneficiario de Bolsa ADO en 2018 e 2019, ademais de non estar incurso/a en causa de exclusión ou prohibición para beneficiarse de subvencións.

O prazo de presentación de solicitudes estará vixente ao longo dos próximos vinte días hábiles. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se pode obter a través do BOP con data 3 de abril de 2019 (https://bit.ly/2uFZ8X4), no Departamento de Deportes do Concello de Ordes, ou ben a través da páxina web www.ordes.gal. A documentación a achegar será o DNI da persoa solicitante, certificado de empadroamento, licenza federativa en vigor, certificación da federación deportiva correspondente ou documento de organismo oficial que acredite a participación nos campionatos ou probas oficiais e declaración responsable de non ser beneficiario/a de Bolsa ADO nos anos 2018 e 2019.

Para a xustificación da bolsa concedida as persoas beneficiarias deberán presentar unha conta xustificativa (modelo igualmente obtible a través dos seguintes enlaces: https://bit.ly/2uFZ8X4 e www.ordes.gal). Deberá indicarse unha breve descrición das actividades subvencionadas realizadas e unha relación das facturas xustificativas de gastos realizados durante o ano 2019. Tamén dos ingresos percibidos para a dita finalidade con data límite o día 10 de decembro de 2019. Todo isto acompañado do número de conta e unha declaración xurada de que os ditos gastos foron realizados por necesidades deportivas. Teranse en conta aqueles derivados da adquisición e compra de material e equipamento non inventariable; dos desprazamentos e as revisións médicas, probas de esforzo etc.