Venres 18 de Outubro de 2019

A Xunta convoca o concurso para a adquisición de inmobles para rehabilitar nos cascos vellos de Betanzos, Ferrol, Ribadavia, Ourense e Tui por 1,5 millóns de euros


Esta actuación de recuperación do patrimonio construído enmárcase dentro do programa Rexurbe, que ten por finalidade a recuperacións dos cascos históricos das vilas galegas
A Xunta de Galicia adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono nos cascos vellos de Betanzos, Ferrol, Ourense, Ribadavia e Tui para proceder á súa rehabilitación, destinando inicialmente 1,5 millóns de euros en 2019 á adquisición de ditos inmobles.

Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe, co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas e da continuidade á oferta realizada en 2018 na que se adquiriron 26 inmobles nos conxuntos históricos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense. Este ano a convocatoria estendese aos conxuntos históricos de Ribadavia e Tui.

Con tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca un concurso público no que os propietarios interesados poderán ofrecer os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos polo IGVS. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Ferrol, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Tui para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación. Para acceder a máis información sobre esta nova convocatoria pódese consultar o seguinte enlace: Diario Oficial de Galicia.

Os inmobles que adquira o IGVS deberán estar situados nos ámbitos delimitados polo IGVS dentro dos cascos vellos de Ferrol, Betanzos, Ourense, Ribadavia e Tui, nos ámbitos que se indican na Resolución que publica o DOG.

Ademais, as vivendas que adquira o IGVS deben reunir uns requisitos mínimos que permitan:

• Que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade
• Que se poida construír polo menos unha vivenda por andar cun mínimo de dúas estancias que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas normas de habitabilidade de vivendas
• Ter unha fachada de un mínimo de catro metros e acceso a través de espazos de dominio e uso público
• Non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.
• Estarán inscritas no Rexistro da Propiedade.

Ademais, o custe de adquisición non poderá superar o valor de mercado do inmoble nin un valor máximo que se calculará coas fórmulas e parámetros incluídos na resolución para cada rúa ou zona.

O IGVS seleccionará os inmobles a adquirir conforme aos criterios fixados na resolución, entre os que destacan:

• Edificios que teñan un valor arquitectónico ou ambientais especiais que aconselle a súa recuperación.
• Edificios cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado.
• Ofertas que contemplen a recuperación dun rueiro completo de máis de tres inmobles.
• Edificios que faciliten notablemente ou faga viable a construción, rehabilitación ou renovación doutros inmobles propiedade do IGVS.

Os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o 31 de xullo de 2019 para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No documento adxunto a este comunicado indícanse os ámbitos nos que o IGVS adquirirá inmobles en cada conxunto histórico. Asemade no DOG atópase a relación de rúas incluídas en ditos ámbitos.