Luns 09 de Decembro de 2019

O Concello de San Sadurniño abre a convocatoria para crear unha lista de contratación de persoal administrativo


 

O Boletín Oficial da Provincia deste martes 9 de abril publicou a convocatoria dun proceso selectivo para configurar unha lista de contratación da que poder botar man para substitucións nos postos de persoal administrativo, dentro do grupo C1. É dicir, non se trata dun proceso para contratar a ninguén inmediatamente, senón só no caso de que faga falla cubrir vacantes, vacacións, baixas ou acumulacións de tarefas. As bases indican que a selección e configuración da lista se fará mediante concurso-oposición. O anuncio publicado no BOP marca un prazo de 20 días naturais para presentar as instancias, co que o último día para achegar a solicitude será o próximo 29 de abril.

Os requisitos para poder concorrer á selección son os seguintes: ter nacionalidade española ou dun estado membro da UE, ter feitos os 16 anos, posuír -como mínimo- o título de bacharelato, formación profesional de segundo grao ou titulación equivalente, dispor de capacidade funcional para o desenvolvemento das funcións do posto, non ter sido separado ou separada dunha administración pública mediante expediente disciplinario ou inhabilitación, e acreditar o coñecemento do galego, ben co Celga 4 ou equivalente ou a través da proba de avaliación que, de ser o caso, se faría na fase de oposición.

Para participar no proceso será necesario presentar a instancia que figura como anexo 2 das bases, así como a fotocopia do DNI, pasaporte ou documento de identificación, a declaración responsable do cumprimento de todos os requisitos necesarios, a relación de méritos xunto coa documentación acreditativa -orixinal ou copia cotexada-, o xustificante de ter pagados os dereitos de exame (15,86€ que cumprirá ingresar na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059), a fotocopia da titulación esixida na convocatoria e a fotocopia do Celga 4 ou acreditación equivalente, no caso de dispoñer dela.

A fase de oposición ten un tope de 60 puntos e estará composta por tres exercicios e o cuarto -que non puntúa- sobre coñecemento do galego para quen non o acreditase previamente. O primeiro será un cuestionario tipo test con 40 preguntas sobre o temario -máis 5 de reserva- que deberán responderse nun máximo de 60 minutos. Este exercicio dará ata 20 puntos e será eliminatorio se non se alcanzan os 10.

O segundo exercicio consistirá en desenvolver por escrito unha serie de preguntas sobre o temario que despois deberán expórselle ao Tribunal oralmente. Durará tamén 60 minutos, poderán obterse ata 20 puntos e quedarán fóra as persoas que non consigan 10 como mínimo.

A terceira proba da oposición centrarase na resolución por escrito e posterior exposición oral dun ou varios supostos prácticos referidos ao posto. A duración do exercicio será de 90 minutos, poderán consultarse textos legais e a puntuación máxima será de 20 puntos e tamén será eliminatorio para quen non chegue aos 10.

Entre os exercicios tamén se contempla unha proba de coñecemento do galego para aquelas persoas aspirantes que non acrediten documentalmente a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba só valorará como “apto/a” ou “non apto/a” -non se obterá puntuación- aínda que si será eliminatoria.

Na fase de concurso valoraranse os méritos con ata 40 puntos. O tribunal só revisará os daquelas persoas que superasen as probas da fase de oposición. Teranse en conta os servizos prestados na administración local en postos de igual ou similar natureza (20 puntos como máximo) e os que se prestasen noutras administracións (máximo 10 puntos). Tamén se valorará a formación: ata 5 puntos por cursos oficiais sobre materias directamente relacionadas co posto de traballo convocado e outros 5 como máximo por ter titulación superior á esixida na convocatoria.

Unha vez que se complete o proceso selectivo, as persoas aprobadas entrarán formar parte da lista de contratación segundo a puntuación obtida. O funcionamento da bolsa de traballo será rotatorio dependendo da duración dos contratos. As bases da convocatoria sinalan a este respecto que as persoas que accedan a un contrato de alomenos 6 meses de duración nun período de 12 meses pasarán ao final da lista unha vez acaben de traballar, mentres que aquelas que non cheguen a xuntar un total de seis meses traballados ao longo dese mesmo tramo de 12 meses -cun contrato ou varios-, volverían ao mesmo lugar da lista unha vez rematado o contrato.

Os supostos en que se poderán facer chamamentos son varios: para cubrir vacantes se non fose posible facelo con persoal funcionario de carreira, a substitución transitoria das persoas titulares, a execución de programas temporais -máximo 4 anos- ou por causa de acumulacións de tarefas, suposto no que o contrato podería durar un máximo de seis meses dentro dun período de 12 meses.

O prazo de 20 días naturais para presentar as instacias de participación neste proceso selectivo compútase desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, é dicir, desde o 10 de abril, incluído. Así dános que o último día para a presentación de instancias será o 29 de abril.