Venres 18 de Outubro de 2019

Nava Castro agradece ao sector turístico de Sada o seu compromiso coa calidade nas rías altas


 

A directora de Turismo de Galicia asistiu  á apertura do Hotel Alda Sada Marina

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á apertura do Hotel Alda Sada Marina, onde agradeceu ao sector turístico desta localidade coruñesa o seu compromiso coa calidade e a súa aposta pola mellora continua “adaptando a pranta hoteleira ás demandas actuais da man da excelencia”, dixo.

Durante o acto, felicitou aos responsables desta nova iniciativa empresarial por ter escollido unha localización como Sada, nas Rías Altas, despois de que na última década abrisen catorce establecementos repartidos pola xeografía galega e teñan xa máis de dez hoteis en varios puntos do Estado. “Este crecemento nun espazo de tempo tan breve é, sen dúbida, o mellor exemplo para todas aquelas empresas que queiran apostar por Galicia”, indicou.

A directora de Turismo de Galicia puxo de manifesto, ademais, o papel que este novo establecemento poderá ter no xeodestino A Coruña-As Mariñas –no que se integra Sada– e que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), é un dos máis importantes da Comunidade en canto á súa demanda turística, superando os 1,2 millóns de pernoitas o ano pasado.

Nava Castro salientou, ademais, a riqueza patrimonial e paisaxística deste destino especialmente as súas praias, a reserva da biosfera das Mariñas ou o museo Carlos Maside, que o vindeiro ano celebrará o seu cincuenta aniversario.