Luns 17 de Xuño de 2019

Ethel Vázquez salienta a importancia da obra pública para incentivar a creación de emprego, a recadación fiscal e a produtividade


A conselleira destaca o efecto multiplicador da construción, onde os estudos apuntan que cada millón de euros de incremento do investimento xera case 14 empregos
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou a importancia do investimento en obra pública para a xeración de emprego, o incremento da recadación fiscal e o aumento da produtividade.

A conselleira participou esta tarde, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, nas xornadas organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), baixo o lema Sustentabilidade do emprego: responsabilidade de todos.

Na súa intervención, a conselleira fixo referencia aos estudos que acreditan a relación entre a obra pública e o desenvolvemento económico, sinalando a construción como un dos sectores con maior efecto multiplicador de produción, de forma que, por cada millón de euros de incremento do investimento se xeran case 14 empregos.

Ademais, Ethel Vázquez chamou a atención sobre os importantes retornos fiscais dos investimentos en infraestruturas, xa que ademais do IVE que recadan as administracións polas contratacións públicas, destas se derivan outros ingresos fiscais como o IRPF dos novos asalariados, o imposto de sociedades ou as novas cotizacións sociais. Xunto con isto, debe terse en conta o aforro que representa para as administracións públicas a redución do desemprego.

Na súa intervención, a conselleira deu conta da situación e previsión das diferentes liñas de investimento en obra pública que ten en marcha a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e abordou as perspectivas que se abren no futuro.

A ese respecto, referiuse á necesidade de impulsar os investimentos no treito galego do Corredor Atlántico de transporte de mercadorías ferroviarias, unha vez conseguida a incorporación do Noroeste ao seu trazado.

Segundo salientou, é unha gran oportunidade para incrementar a nosa capacidade loxística e de transporte e, polo tanto, para xerar riqueza e emprego.

A conselleira apostou por facer que o éxito da inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de Mercadorías se traduza nunha modernización real da nosa rede ferroviaria para facer a nosa economía máis forte e competitiva.

E, especialmente, referiuse á oportunidade que se abre de financiar con fondos comunitarios a conexión ferroviaria do porto de Punta Langosteira.