Domingo 21 de Abril de 2019

Corrubedo XI Séculos referencia case 300 nomes de lugares, baixos, pedras e outros fitos nun gran mapa ubicado na Casa do Mar


A ORTOFOTO NECESARIA PARA PODER COMPLETAR ESTE TRABALLO FOI CEDIDA POLA FUNDACIÓN RIA DE DAVID CHIPPERFIELD, PRESENTE NO ACTO DE ONTE

A Casa do Mar de Corrubedo foi escenario do acto de entrega por parte da Asociación Corrubedo XI Séculos ao Club de Pensionistas e Xubilados desta parroquia dun mapa en gran formato no que se referencian preto de 300 nomes de lugares, pedras, puntos de interese arqueolóxico e paisaxístico, baixos, touzas e marcas de pesca de Corrubedo, o máis detallado feito nunca sobre este cabo barbanzán.

Fernando Vilariño, membro da directiva de Corrubedo XI Séculos e principal artífice deste monumental traballo, explicou aos asistentes que a idea de trazar este plano xurdiu de maneira circunstancial no ano 2000 como consecuencia de ter que buscar unha leira.

Grazas á axuda prestada polos veciños do pobo, especialmente os máis maiores, foi realizando un traballo que consta finalmente de 296 topónimos, distribuídos por cores para sinalar de que fito xeográfico se trata: negro (o pobo e aldeas), vermello (lugares e zonas en terra firme), amarelo (baixos que velan e pedras da costa), branco (touzas e marcas de pesca) e azul (puntos de interese arqueolóxico, paisaxístico e pedras antropo-zoomórficas).

Igualmente, a asociación agradeceu ao arquitecto David Chipperfield, presente no acto, que facilitara por medio da Fundación RIA a fotografía aérea a alta resolución (ortofoto) necesaria para poder culminar o proxecto.

Antigo coto
Unha das marcas recollidas no plano é a que delimita o antigo coto de Corrubedo ao que fai alusión o documento do ano 919 que motiva que os seus veciños estean a celebrar once séculos de historia (documento que recolle a doazón do citado coto por parte do rei Ordoño II ao mosteiro de Antealtares). Segundo explicou Francisco Sánchez Fraga, daquela división (que non se corresponde cos límites parroquiais actuais) consérvanse tres pedras cada unha das cales contén unha cruz gravada como símbolo da Igrexa.

Ao fío disto, e tal e como avanzou o concelleiro Antonio Freire, na mañá do domingo 28 de abril celebrarase unha andaina polo Corrubedo ancestral que incluirá a visita a algunha destas pedras históricas. É outra iniciativa da asociación sociocultural na que xa hai xente inscrita.

Cunhas dimensións de 1,80 x 1.20 metros, o mapa foi recibido pola presidenta do club de xubilados, Dolores Álvarez, e xa pende da casa do mar. Haberá outras dúas réplicas idénticas, destinadas ao edificio do Grupo Escolar de Corrubedo e ao Concello de Riveira.

Captación de socios
Ademais, Corrubedo XI Séculos vai emprender unha campaña de captación de socios a aqueles que se inscriban recibirán unha reprodución en papel do mapa presentado onte. Tamén existirá a posibilidade de adquirilo en cartón pluma con dimensións de 90×60 centímetros.

Deja un comentario