Luns 17 de Xuño de 2019

Concello e CF San Sadurniño asinan o convenio anual para as escolas deportivas de fútbol


A Administración local e o Club de Fútbol San Sadurniño rubricaron o venres ao mediodía o acordo de colaboración anual para o sostemento das escolas municipais desta disciplina deportiva. O importe do convenio ascende a 9.000 euros, destinados aos gastos de monitoraxe das formacións desde prebenxamín até xuvenil. Porén, o texto deixa aberta a posibilidade de incrementar esta contía -sempre que haxa dispoñibilidade orzamentaria e así o acorden as partes-, posto que o CF San Sadurniño ten previsto crear tamén equipo alevín de cara á próxima temporada.

A achega económica municipal busca cubrir os gastos do club en canto ao monitorado das formacións da súa base, ao tempo que o Concello ten cuberta a prestación das escolas de fútbol. No convenio vén recollida unha axuda de 1.800 euros -180€/mes- por cada unha das categorías durante os 10 meses de duración das escolas. É dicir, 9.000 euros en total para a escola xuvenil, para a de fútbol feminino, para a de benxamíns e para as dúas formacións, A e B, de prebenxamíns.

O convenio é unha proposta de gasto que, tal e como se cita no texto, «pode ser modificada e incluso incrementada en función dos acordos tomados entre as partes para sufragar novos grupos ou outros gastos relacionados coa escola deportiva» e, neste sentido, cabería a posibilidade de aumentar a colaboración económica para sufragar a monitoraxe de novos equipos, como sería o caso do alevín.

En canto aos compromisos dunha e doutra parte, o acordo dispón que o CF San Sadurniño se encarga da dirección técnica, organización e desenvolvemento das escolas, incluíndo tamén a promoción do fútbol feminino en calquera das categorías. Para iso, o Concello pon a disposición do club as instalacións dos Currás asumindo o mantemento do terreo de xogo e da electricidade, mentres que a entidade deportiva se compromete a facer un uso correcto da maquinaria e do equipamento dispoñible no recinto.

Por outra banda, o CF San Sadurniño tamén adquire o compromiso de colaborar co Concello na organización doutras actividades municipais. É o caso, por exemplo, das actividades de conciliación que se ofrecen durante o Nadal ou do Tetramaratón deportivo de Semana Santa -que se celebra este xoves-, onde o club local sempre se encarga da arbitraxe e coordinación da competición de fútbol sala.

O pagamento dos 9.000 euros do convenio farase en dúas veces. Os primeiros 6.000 euros ingresaranse nestes días -xusto despois da sinatura- e os 3.000 euros restantes transferiranse trala presentación da documentación xustificativa dos gastos. O convenio rubricado o venres por Secundino García e o presidente do club, Luis Santalla, ten unha duración de un ano -do 1 de xaneiro ao 31 de decembro-, de maneira que abrangue a segunda metade da temporada deportiva 2018/19 e a primeira de 2019/20. Entre prebenxamíns e xuvenís, o CF San Sadurniño conta neste momento con 52 fichas, mentres que do equipo feminino forman parte 17 deportistas.