Martes 02 de Marzo de 2021

A Casa da Cultura de Lousame acollerá dous pases do espectáculo “Os fabulosos cleaners” o sábado 27 de abril


 

Para facilitar a asistencia e evitar que ninguén quede fóra, o Concello de Lousame porá a disposición da veciñanza invitacións que se poderán recoller a partir do martes 23 de abril na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Lousame acollerá o vindeiro sábado 27 de abril dous pases do espectáculo “Os fabulosos cleaners”, de Malasombra Produccións. Un espectáculo visual con pompas de xabón dos actores Xoque Carbajal e Jouse García que o pasado mes de decembro encheu este mesmo auditorio e deixou a máis de sesenta persoas fóra por falta de aforo. Daquela, o Concello de Lousame comprometérase a programar dous novos pases en 2019, de acordo coa dispoñibilidade do espectáculo.

De feito, para facilitar a asistencia e que ninguén volva quedar fóra, o Departamento de Cultura lousamiá porá a disposición da veciñanza unhas invitacións para os dous pases programados: ás 17:00 e ás 19:00 horas. Estas invitacións poderanse recoller de forma gratuíta na Casa da Cultura de Lousame a partir do martes 23 de abril.

“Os fabulosos cleaners” está dirixido por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, sobre unha idea orixinal de Luís Beviá e o propio Xoque Carbajal. Trátase dun espectáculo cheo de cor e humor no que, durante unha hora, o público goza dun espectáculo de máxicas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando por todo escenario. Producido por Malasombra Produccións, a actuación está organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña.