Domingo 22 de Setembro de 2019

Noia contará con 2 desempregados para labores de roza, limpeza e prevención de incendios durante 9 meses grazas a Aprol Rural


 

Ovidio Rodeiro informou de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 250.000 euros na contratación de 19 persoas no Barbanza

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visitaron esta mañá a contorna do curtidoiro da Chaínza, unha das zonas na que traballarán os dous desempregados que o Concello poderá contratar durante 9 meses a través das axudas de Aprol Rural, un programa que acaba de resolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para que os concellos poidan contratar persoal para labores de limpeza e prevención de incendios.

Santiago Freire agradeceu a presencia de Rodeiro e salientou que grazas a unha achega de 26.000 euros da Xunta de Galicia poderanse contratar dúas persoas “que farán importantes actuacións de roza, limpeza e mantemento tanto de zonas forestais próximos á zona urbana, así como traballos de silvicultura. Unha desas actuacións terá lugar nesta contorna da fábrica de curtidos da Chaínza, que se está sometendo a un proceso de rehabilitación e consolidación dos muros exteriores pero que tamén dispón dunha parcela contigua que require deses traballos de silvicultura”.

Freire Abeijón lembrou que “o ano pasado recibimos 22.500 euros e aquelas dúas persoas, baixo a supervisión da concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, fixeron labores moi satisfactorias de mantemento, limpeza e roza que foron moi apreciados pola veciñanza”. Así mesmo, anunciou a intención do Concello de Noia de adherirse aos convenios de motobombas e de brigadas contra os lumes. O delegado territorial e o alcalde de Noia estiveron acompañados por gran parte do grupo de Goberno noiés: Ángela Neri Arufe (Medio Ambiente), Mariola López Cierto (Parques e Xardíns), Martín Fernández Godón (Obras) e Juan Ramón González Oviedo (Economía).

Comarca do Barbanza

Na comarca do Barbanza aprobouse a contratación de 19 desempregados grazas a una investimento de 250.000 euros. Na provincia se incorporarán a traballar nos concellos 133 persoas cun investimento de 1,7 millóns de euros. O orzamento, con respecto a 2018, crece nun 13% e os Concellos Emprendedores, que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios, logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade, chegando a repartirse o 60% do total do investimento.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará o 100% dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias. Así, os desempregados poderán contratarse para o desenvolvemento de actividades de silvicultura, limpeza de montes, a xestión da biomasa, a valorización forestal ou a planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

A Administración autonómica mellorou este ano esta iniciativa eliminando os límites de contratación por concello e incentivando con máis contratos ás localidades fusionadas e ás adheridas ao protocolo de Concellos Emprendedores. Así mesmo, tiveron prioridade os municipios con maior superficie forestal. Aumentouse, ademais, a contía media por traballador, que este ano se sitúa nos 13.176 euros, preto dun 20% máis que o exercicio anterior, atendendo deste xeito tamén a subida establecida para o salario mínimo interprofesional.

Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a duración dos contratos será de 9 meses e a tempo completo.

Aprol Rural forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está impulsando en Galicia a creación de emprego de calidade. O obxectivo destes programas é a mellora da empregabilidade das persoas participantes, que teñen que estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Con esta iniciativa, polo tanto, ofréceselle aos participantes unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na súa empregabilidade.