Martes 18 de Xuño de 2019

A EIM A Rolada dispón de 9 vacantes para o curso que vén


 

O Concello de San Sadurniño acaba de resolver a adxudicación provisional de prazas na EIM A Rolada para o curso 2019-20, tras admitir un total de 29 solicitudes presentadas na súa maioría por familias de San Sadurniño, pero tamén de Narón, Moeche, Cerdido, As Somozas e Ortigueira. As peticións non se distribúen de forma proporcional polos tres niveis do centro, xa que a unidade de 1 a 2 anos está case completa, a de 2 a 3 xa non dispón de prazas e a dos nenos e nenas máis pequeniñas, a de 0 a 1 ano, ten aínda 7 vacantes. A resolución da adxudicación está dispoñible no tablón de anuncios do Concello e tamén na EIM. As familias teñen 10 días naturais para presentar reclamacións e, unha vez que o listado de admisións sexa definitivo, empezará a contar o prazo de 15 días para que confirmen a petición e formalicen a matrícula no centro.

A escola ten capacidade para atender 38 nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade. Para o curso que vén admitíronse 17 solicitudes para a aula de 2 a 3 anos e 11 para a de 1 a 2, mentres que para a aula de acceso, a de 0 a 1 ano, só houbo unha petición. Estes números significan que a unidade de maior idade ten o cupo completo, que na aula intermedia aínda quedarían 2 prazas dispoñibles e que na da rapazada máis pequena o centro aínda podería acoller outros 7 nenos e nenas.

Resumindo e simplificando, a EIM A Rolada dispóría de 9 vacantes: 7 na unidade de 0-1 e 2 na unidade de 1 a 2 anos. Prazas que as familias que precisen botar man deste servizo de conciliación poderán solicitar en calquera momento, aínda que antes de poder facelo deberá resolverse o actual procedemento de adxudicación. É dicir, para admitir novos ingresos a partir de agora, antes ten que elevarse a definitiva a lista das solicitudes presentadas nos dous prazos abertos no mes de marzo e, ademais, as familias que pediron praza nese período deben confirmala facendo a matrícula.

Polo tanto, o número de vacantes aínda pode variar, posto que hai familias que botan solicitude en máis dunha escola e, unha vez teñen confirmada praza, elixen a que máis se adapta ás súas necesidades.

Neste momento hai 29 peticións admitidas provisionalmente e desde hoxe está aberto un prazo de 10 días naturais para que as nais e pais presenten reclamacións a este listado inicial de adxudicación. Se houbera algunha alegación convocaríase a comisión de seguimento e control da EIM para resolvela e, se non, a lista elevarase a definitiva.

En calquera dos dous casos, cando se publique o listado final daráselles ás familias admitidas un prazo de 15 días naturais para confirmaren a praza e formalizar a matrícula. Ao remate dese prazo saberase o número real de vacantes da escola para o ano que vén, que se irían cubrindo exclusivamente por orde de solicitude.

De confirmarse todas as solicitudes tal cual se publicaron hoxe, a EIM A Rolada atendería no curso que vén un total de 29 meniñas e meniños dos que 18 son membros de familias de San Sadurniño, 5 de Narón, 3 de Moeche, 2 de Cerdido, 1 de As Somozas e 1 de Ortigueira. Datos que veñen confirmar o centro como referente comarcal en conciliación e atención educativa á primeira infancia.