Sábado 14 de Decembro de 2019

O Concello de Brión investirá máis de 285.000 euros na mellora do alumeado público nas parroquias de Os Ánxeles, Brión e Boullón


 

Grazas a unha axuda concedida polo IDAE que permitirá optimizar o consumo enerxético mediante o emprego da tecnoloxía LED

O Concello de Brión vai investir un total de 285.451,46 euros na mellora do alumeado público de tres parroquias: Os Ánxeles, Brión e Boullón, grazas á aprobación de dous proxectos de mellora da eficiencia enerxética aprobados polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica. Dúas subvencións aprobadas o pasado 21 de maio e que lle foron notificadas onte ao Concello de Brión.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que estes proxectos “van permitir cambiar todo o alumeado público da parroquia de Boullón, así como a avenida de Santa Minia ata o cruce dos Ánxeles e dende o Cruce dos Ánxeles ata O Tremo e o límite con Ames, onde colocaremos novas luminarias de tecnoloxía LED”. García fai fincapé no feito de que “ademais de mellorar a eficiencia enerxética da instalación, as novas luminarias serán máis estreitas cas actuais, polo que os peóns gañarán máis espazo, sobre todo aquelas persoas que leven carriños de bebé ou se movan en cadeiras de rodas”.

Proxectos

O primeiro dos proxectos aprobados permitirá un investimento de 39.457,25 euros na substitución de luminarias de vapor de mercurio por luminarias LED no alumeado público da parroquia de Boullón. Unha actuación que permitirá substituír todo o alumeado público desta parroquia.

O outro proxecto, “Renovación do alumeado público e mellora da eficiencia enerxética en varias zonas urbanas do Concello de Brión”, contará cun investimento de 245.994,21 euros en tres tramos: Avenida de Santa Minia (parroquia de Brión) por 84.387,25 euros, Os Ánxeles (36.870,45 €) e O Tremo (49.583,48 euros), ambas localidades na parroquia dos Ánxeles.

As obras previstas inclúen a substitución do alumeado actual por outro de alta eficiencia tipo LED, que permitirá unha diminución do consumo eléctrico e unha mellora da eficiencia enerxética da instalación. Así mesmo, procederase á reforma completa dos cadros de mando e protección, así como á substitución dos equipos de acendido actuais e eliminación de puntos de luz innecesarios. Unhas actuacións que permitirán diminuír ata nun 60% o fluxo emitido, mantendo os niveis de alumeado necesarios.