Luns 16 de Setembro de 2019

O 15 de xuño arranca a nova tempada na piscina do Muíño


 

O Concello mantén as mesmas tarifas que en anos anteriores. Tamén haberá cursos de natación para persoas adultas e menores

A piscina municipal do Muíño abrirá as súas portas dende o vindeiro 15 de xuño ata o 8 de setembro. Dende hoxe mesmo xa se están a expedir os primeiros carnés no Departamento de Deportes, situado no primeiro andar do Concello (de 9 a 14 horas).

Para apuntarse é necesaria unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas (de 16 anos en adiante) o custo para todo o verán é de 20 €, e de 12 € no caso das menores. Tamén se poden adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 €, agás nos meses de xuño e setembro que se verán reducidas (3,20 e 6,40 €; 1,60 e 3,20 € respectivamente). Os prezos das entradas por xornadas soltas será de 1,50 € (persoas adultas) e de 1 € (nenos e nenas).

Tamén está aberto o prazo para os cursos de natación, cuxa idade mínima para poder participar sitúase nos 3 anos. As clases impartiranse nas mesmas instalacións ao longo dos meses de xullo e agosto, tendo de prazo para apuntarse ata o 20 de xuño. O prezo estipulado mensualmente é de 30 € para as persoas adultas (a partir dos 16 anos) e de 20 € para menores (ata 15 anos). As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá, sempre e cando se acade un número mínimo de inscricións.

Todas as tarifas se reducirán nun 50% para as familias numerosas.