Domingo 25 de Agosto de 2019

Centos de veciños e veciñas participaron no cuarto Mercado Tradicional do CPI Cernadas de Castro de Lousame


 

Houbo unha mostra de dezasete oficios tradicionais, así como actuacións de baile galego e unha recreación da Festa dos Maios

Varios centos de persoas encheron esta mañá o patio do CPI Cernadas de Castro de Lousame para participaren no IV Mercado Tradicional, organizado polo centro educativo. No patio do colexio contaron con demostracións en vivo de dezaseis oficios tradicionais característicos da contorna, así como unha mostra de maquetas de apeiros de labranza ou do batán de Servia, en Vilacoba, e diversas actuacións musicais.

A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, acompañou o equipo do colexio e a comunidade educativa nesta xornada, que se concibe como un tempo de convivencia entre as xeracións de nenos, pais e avós.

Os oficios que estiveron representados na mostra de hoxe foron os de canteiro, serrador, tecelá, costureira, palilleira, fiandeira, alfareiro, colareira, hortelá, cesteiro, redeira, mestre, ourive, carpinteiro, mariñeiro, tapiceiro e ferreiro, xunto a un posto de elaboración dos sombreiros coñecidos como San Cosmeiros.

Ademais o mercado contou con postos con filloas, rosquillas, empanadas, chocolate, diversos doces e froita, á disposición de todas as persoas que participaron no encontro. Os nenos e nenas de diversos cursos recrearon a Festa dos Maios e tamén efectuaron unha demostración de baile tradicional.

A parte moderna do mercado foi un dron que en todo momento sobrevoou o patio tomando imaxes das diversas actividades.