Martes 18 de Xuño de 2019

A Xunta destina ás entidades locais do Barbanza máis 32.000€ para financiar 6 iniciativas dirixidas á xuventude


As actividades están limitadas ás persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos e terán que realizarse este ano
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou esta mañá da resolución da orde de axudas destinadas ás entidades locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á xuventude no ano 2019. As actividades están limitadas ás persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos,
Este ano a Consellería de Política Social inviste máis de 500.000 euros destinados a apoiar este tipo de proxectos. Na comarca do Barbanza fináncianse a través do programa Iniciativas locais dirixidas á xuventude un total de 6 proxectos que supoñen un investimento de máis de 32.000 euros. Os concellos nos que se levarán a cabo estas iniciativas son Boiro, Carnota, Lousame, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.
Ovidio Rodeiro recalcou que “con estas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación”:
• Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.
• Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
• Dinamización da información para a mocidade.
• Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.
• Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
• Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
• Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.
• Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.
• Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
• Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
A contía máxima que se puido solicitar foi de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude foi de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos.