Xoves 12 de Decembro de 2019

Profesionais de destacados touroperadores de Brasil visitan a cidade da Coruña para coñecer os seus atractivos turísticos


A expedición visitará o casco histórico, o paseo marítimo e a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento

A Xunta de Galicia continúa a traballar no seu obxectivo de aumentar a internacionalización do turismo cunha expedición de profesionais do sector en Brasil que está a visitar Galicia desde a pasada semana. Trátase dunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura e Turismo na que participan oito operadores, un representante de Air Europa e unha representante da O.E. T. de Sao Paulo.

Os visitantes, profesionais de destacados touroperadores de Brasil, está a facer un percorrido pola cidade da Coruña coñecendo os seus importantes atractivos turísticos. Ao longo da xornada de hoxe, o grupo realizou un paseo polo casco histórico e polo paseo marítimo, un dos máis longos de Europa. Para rematar o día, a expedición trasladarase ata a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco.

A súa visita por Galicia rematará mañá cando seguirán desfrutando dos atractivos da cidade da Coruña ata o seu traslado a aeroporto para emprender a viaxe de volta a Sao Paulo.

O mercado internacional é un importante piar no sector turístico da nosa Comunidade. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística, o turismo internacional acumula cinco anos consecutivos de mellora nos primeiros meses do ano acadando este 2019 un máximo histórico con preto de 425.000 noites. Ademais, cómpre destacar que segundo a Estatística de Movementos de Fronteira (FRONTUR) no ano pasado houbo en Galicia 56.344 turistas brasileiros, un 65,4% máis que en 2017.