Luns 09 de Decembro de 2019

Xa se poden facer as comunicacións previas das «saltas» do San Xoán


O Concello de San Sadurniño publica na súa web o formulario e tamén varias recomendacións de seguridade

 

En escasos 15 días celebraremos o solsticio de verán coas lumeiradas do San Xoán e, nalgúns sitios, tamén coas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando onde se vai facer e adquirindo certos compromisos de responsabilidade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. Dúas entidades que xa nos pasaron información das súas fogueiras son O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita, que fixaron encontros veciñais arredor do lume para os días 21 e 22 de xuño, respectivamente.

A noite das “saltas” do San Xoán, que este ano cadra en domingo, marca o comezo oficial das festas do verán. Coincidir en fin de semana e, posiblemente, con bo tempo, son dúas circunstancias que han levar a moitas entidades e particulares do territorio a armar a súa cacharela do solsticio ben no propio día 23 ou ben o venres e mailo sábado.

En calquera caso, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir a folla normalizada e entregala no rexistro do Concello de cara a que este lla faga chegar despois ao Distrito forestal I de Ferrol.

A tradición manda e por todo o territorio haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que o lume estea totalmente apagado e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter controlado o lume.

Saltas en Naraío e Igrexafeita
Dúas entidades que xa andan promocionando as súas respectivas celebracións do San Xoán son a Asociación de veciños “Adiante” de Igrexafeita e a Asociación veciñal O Castelo de Narahío. E, se queremos, poderemos ir aos dous sitios, xa que as saltas son en días distintos. Apuntade:

Naraío, venres 21 de xuño: A actividade comezará a iso das 18.30h. cunha saída dirixida a público familiar para recoller herbas e plantas aromáticas coas que decorar o local social e, de paso, aprender cousas interesantes sobre as súas propiedades medicinais e máxicas. Ás 22.00h. haberá unha cea a base de churrasco, crioulos, patacas, bebida e sobremesa por un prezo de 10€ para persoas socias, de 15€ para non socias e de 5€ para cativería ata 11 anos. É necesario inscribirse antes do día 18 de xuño chamando ao 981 490 302. A noite rematará co prendido da salta e unha repichoca popular.

Igrexafeita, sábado 22 de xuño: Ao día seguinte en Igrexafeita teremos tamén unha festa arredor do lume que comezará no local social da Torre ás 21.00h. co espectáculo de clown MereCidamente, co que se lle dará paso a unha cumprida cea a base de sardiñas, liscos, pan e bebida. Todo por un prezo de 3€ para persoas socias e de 5€ para non socias. Tamén hai que anotarse antes do 18 de xuño, chamando neste caso aos teléfonos 696 912 975 ou 626 839 398.

Desde a asociación de Igrexafeita tamén nos informan de que este ano volven de merendada ao San Cristovo de Ferreira, que se celebra o sábado 13 de xullo. Xantarán ensaladilla, salpicón e xarrete, acompañados á sobremesa de biscoito, requeixo e café. O prezo son 25€ e nel inclúese a cea a base de paella. Hai que apuntarse nos mesmos teléfonos antes do 10 de xullo.