Luns 16 de Setembro de 2019

O Concello de Ordes abre o prazo para solicitar o permiso das cacharelas de San Xoán


 

O Concello de Ordes vén de publicar o bando coas normas que se deben seguir por parte das persoas, asociacións ou entidades que celebren con cacharelas a noite de San Xoán. As solicitudes para poder realizar lumes teñen como prazo máximo ata as 14 horas do próximo 20 de xuño. Deberán comunicarse no Rexistro Xeral do Concello.
A súa realización estará suxeita ás seguintes normas de seguridade:
• No caso de facerse nun ben de dominio público (parques, xardíns, prazas etc) deberán contar coa autorización previa por parte do Concello.
• No caso de querer facela sobre vías públicas pavimentadas ou beirarrúas haberá que protexelas cunha chapa metálica sobre a que se colocará unha capa de area de 10 cm. (O Concello facilitará area a todas as persoas que o soliciten).
• Nas vías públicas non pavimentadas autorízase a súa realización.
As persoas organizadoras das cacharelas serán as responsables dos danos que se puidesen producir no dominio público e deberán proceder ao aboamento dos gastos de reconstrución e reparación ocasionados.
• No caso de realizar lume nunha propiedade privada deberase contar coa autorización do propietario do terreo. O Concello non asumirá ningunha responsabilidade no caso de que a queima se realice sen obtela.
Entre as normas de seguridade máis importantes que se deben ter en conta figuran:
• O volume do combustible da cacharela non superará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura.
• A separación cos edificios e árbores será como mínimo de 8 metros .
• O lume non poderá situarse baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
• Queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou produtos que conteñan líquidos inflamables, gases a presión ou que ao arder poidan desprender fume tóxico.
• Ao remate deberá comprobarse que as cinsas quedan totalmente apagadas.
• Deberá procederse á retirada dos restos do lugar de celebración nun prazo máximo de 24 horas.
A Policía Local de Ordes vixiará o cumprimento das ditas normas e procederá á correspondente denuncia no caso de incumprimento, iniciándose así o procedemento sancionador pertinente. Este poderá cumprimentarse coa esixencia de indemnización dos danos e prexuízos que causen no dominio público.