Mércores 24 de Xullo de 2019

O Trofeo de F-8 Concello de Touro, para Cruces en benxamín e para Boqueixón en prebenxamíns


 

O Trofeo de F-8 Concello de Touro disputado o pasado fin de semana foi para o SD Cruces na categoría benxamín, que cumpliu a súa VIII edición, e para o EF Boqueixón na categoría prebenxamín, na súa III edición. O campo de fútbol municipal de Loxo viviu durante todo o pasado sábado unha intensa xornada de deporte. O soleado día axudou a que se achegaran amantes do deporte do balón. No VIII Torneo F-8 Benxamín Concello de Touro e no III Torneo F-8 Prebenxamín Concello de Touro, organizado pola Sociedade Deportiva Touro, participaron máis de 120 rapaces e rapazas.

A final da categoría benxamín disputáronna o equipo da SD Cruces e a EF Silleda. Venceu pola mínima a SD Cruces con un marcador de 2-1. O terceiro posto foi a EF Boqueixón, que venceu ao Bandeira para facerse coa terceira praza. O partido rematou cun empate a un tanto. Na tanda de penaltis o resultado foi de 2-3.

Pola súa banda, a final da categoría prebenxamín disputouse entre a EF Boquexión e o Outes. Gañou a EF Boqueixón cun claro resultado de 4-1. O terceiro posto logrouno a EF Silleda, que gañou tamén con claridade ao equipo local da SD Touro por 0-3.

Durante toda a xornada do pasado sábado disputáronse encontros. A entrega de premios, ao final do torneo ás 17.30 horas, estivo presidida polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, e pola concelleira de Deportes, Adela Iglesias, e por membros da directiva do SD Touro.

A SD Touro agradeceu a presencia de todos os equipos participantes no torneo que xa é unha referencia na comarca de Santiago e tamén ao Concello de Touro polo seu apoio. “Sen eles todo isto non sería posible”, afirman dende a SD Touro, que para o próximo ano programará unha nova edición.