Luns 16 de Setembro de 2019

Admitidas as 41 solicitudes para a Aldea de Verán de San Sadurniño


O programa de conciliación dispón aínda de 5 vacantes para a quenda de xullo e arredor de 30 para agosto, anque para este último as inscricións abriranse o 1 de xullo

A Aldea de Verán é o programa socioeducativo deseñado polo Concello para aquelas familias que precisan conciliar traballo e atención aos seus fillos e fillas durante os meses do verán. Xogos cooperativos, obradoiros, excursións e actividades ao aire libre compoñen unha completa oferta matinal orientada a partes iguais ao entretemento e á aprendizaxe. A área de Igualdade, impulsora da iniciativa, oferta dúas quendas, unha no mes de xullo e outra en agosto. Para a de xullo admitíronse a totalidade das 41 solicitudes presentadas, polo que aínda quedarían arredor de cinco prazas dispoñibles. As familias que queiran optar a unha delas deben contactar o antes posible coa axente de Igualdade para obter máis información, posto que para a súa adxudicación cómpre valorar antes a idade das crianzas. Ás outras, ás que xa contan con praza, o Concello xa llelo comunicou, así como a convocatoria a unha xuntanza informativa o próximo mércores 26 de xuño ás 19.00h. na Casa da Xuventude.

Á reunión asistirán responsables municipais, o persoal de monitorado e tamén a encargada de coordinación de Atalaia Social SLNE, adxudicataria da xestión do programa socioeducativo. Nela explicaráselles ás familias con máis detalle os contidos sobre os que se traballará este ano, ademais de tocar cuestións de funcionamento como teléfonos de contacto, as instalacións onde se desenvolverán as actividades, as saídas previstas, alimentación e calquera outra información que facilite a marcha da Aldea de Verán e o seguemento do seu funcionamento por parte de pais e nais.

Unha vez comunicadas as admisións, as familias deben facer o pagamento da actividade polo importe do prezo correspondente en función do horario de entrada e do número de membros da unidade familiar que asistirán a ela.

Das 41 peticións admitidas para xullo hai 22 para nenas e nenos empadroados en San Sadurniño, 5 son para familias con vinculación laboral no territorio, 11 son para rapazada matriculada no colexio e as 3 restantes adxudicáronselle a familias de fóra de municipio que non cumpren ningunha dos anteriores criterios de prioridade.

Ademais destas prazas asignadas para xullo xa hai reservadas alomenos 15 para a segunda quenda da Aldea de Verán, que se desenvolverá entre o 1 e o 30 de agosto co mesmo cupo de vacantes: entre 40 e 45 prazas (25-30 se contamos as xa asignadas), dúas delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais.

Os pais e nais que desexen inscribir a rapazada para agosto terán aberto o prazo entre o 1 e o 12 de xullo. De novo terán prioridade as solicitudes de familias empadroadas no concello e, de quedar vacantes, estas cubriranse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño. En último caso -seguindo a orde de prioridade no acceso- daríaselle entrada a pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño ou rapazada matriculada na EIM A Rolada.

Cobertura das vacantes que hai para xullo
Este ano ninguén quedou fóra da Aldea de Verán en xullo, a quenda que habitualmente rexistra un maior número de peticións. Entre as razóns que explican desde Igualdade estaría a ampliación deste tipo de servizos de conciliación en municipios como Valdoviño ou Neda, de onde proviñan algúns dos nenos e nenas participantes en anteriores edicións da Aldea de Verán de San Sadurniño. Esta circunstancia propicia que na quenda de xullo aínda haxa capacidade para atender arredor de 5 solicitudes máis. O “arredor” débese a que o servizo non ofrece un número pechado de prazas, senón que xoga cunha pequena marxe para garantir que sempre exista unha correcta proporción entre o número de persoas de monitoraxe e o grao de autonomía das nenas e nenos para os que se solicite a praza, dado que a menor idade -a Aldea está aberta dos 3 aos 12 anos- tamén se require unha atención máis constante por parte dos monitores e monitoras.

Deste xeito, as familias ás que se lles pasase presentar solicitude no prazo aberto a primeiros de mes ou aquelas que quedasen sen praza noutros municipios e queiran ter cuberta a conciliación durante xullo, poden poñerse en contacto coa axente de Igualdade -981 490 027 ext.1- para obter máis información e, de ser o caso, tramitar a petición.

Ficha de solicitude e información sobre a adxudicación de prazas (.pdf)
Autorización
Cuestionario médico

Cotas da actividade

Horario de 8.30 a 14.30h Horario de 10.00 a 14.30h.
1º Membro da unidade familiar 90€ 60€
2º Membro da unidade familiar 60€ 40€
3º Membro da unidade familiar 30€ 20€