Mércores 11 de Decembro de 2019

Compostela recibiu o Lume Sagrado do Pico Sacro da man das tribos celtas de Boqueixón e Callobre


 

A comitiva da Raíña Alda e do Druída realizou a ofrenda na Praza de Mazarelos

Compostela conta dende onte á noite co Lume Sagrado do Pico Sacro para acender hoxe as súas cacharelas de San Xoán. As tribos celtas de Boqueixón e Callobre protagonizaron onte a entrega das chamas purificadoras na Praza de Mazarelos.

Ante a previsión de mal tempo, o desfile dende a Alameda non se puido realizar, polo que a comitiva da Raíña Alda e do Druída protagonizou un breve desfile dende o arco de Mazarelos ata a carpa habilitada na praza co gaio das Festas de San Xoán. O alcalde Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e máis o concelleiro Alejandro Bermúdez, acompañaron ás tribos celtas neste percorrido que lembra a ancestral tradición de celebración da chegada do solsticio de verán.

Arroupados por ducias de visitantes, as tribos celtas de Boqueixón e Callobre chegaron á carpa da Praza de Mazarelos. Alí, a Raíña Alda tomou a palabra para formalizar a Ofrenda do Lume Sagrado do Pico Sacro a Santiago. Un simbólico acto de unión entre os municipios boqueixanés e compostelán que chamou a atención de todas as persoas presentes.

A tradición celta culminará esta tarde coa Entrega do Lume Sagrado no Pico Sacro. Todas as persoas que desexen utilizar estas chamas acendidas directamente coa forza do Astro Rei poderán recollelas entre as 18.00 e as 20.00 horas.

Últimas propostas do ciclo Un mes e Pico

Estas actividades marcan xa a recta final do ciclo cultural Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea, que o Concello de Boqueixón desenvolve dende o pasado 17 de maio. A penúltima cita terá lugar o vindeiro venres 28 de xuño no Pico Sacro coa sesión de observación astronómica, baixo o título Unha ollada ó firmamento dende a tumba do dragón. A actividade, pensada para gozar en familia, estará dirixida polo recoñecido divulgador científico Jorge Mira e comezará ás 23.00 horas.

As actividades finalizarán o vindeiro sábado 29 de xuño na Capela de San Sebastián. Ás 20.00 horas a arqueóloga Isabel Filgueiras Rey impartirá a conferencia titulada O condado de Lupa no territorio Montesagro.
A xornada finalizará cun recital de piano, que correrá a cargo de Sofía Silva Carbajales. Todas as actividades do ciclo cultural Un mes e Pico son de carácter gratuíto. Por motivos de organización, recoméndase inscrición previa no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com).