Mércores 11 de Decembro de 2019

Sesenta veciños/as de Lousame, de entre 59 e 92 anos, participan na clausura do curso 2018-2019 do Programa Activa Mente


 

Teresa Villaverde felicitounos “por romper a rutina, ser valentes e saír da casa para aprender, falar coa xente…”

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame quedou pequeno para acoller o acto de clausura do curso 2018-2019 do programa “Activa-mente”, unha iniciativa para promover o envellecemento activo dos maiores do municipio organizada polos Servizos Sociais do Concello de Lousame. Un acto ao que asistiron os sesenta participantes no programa, de entre 59 e 92 anos, e que estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada pola concelleira de Maiores, Silvia Agrafojo, e pola monitora dos cursos, Alba González.

Villaverde Pais felicitou aos maiores presentes “por romper a rutina, ser valentes, saír da casa… deixar de estar nesas 4 paredes das súas casas e aprender, falar coa xente, facer teatro… Sodes un exemplo a seguir e hai que animar a moita máis xente a que dea o paso e vaia tamén á actividade. Porque tendes moito que aprender, pero tamén moito que ensinar”.

Un punto no que incidiu tamén Silvia Agrafojo, quen pediu aos presentes a que “animedes a outros veciños e veciñas a sumarse ao programa”, así como a “que nos presentedes aos Servizos Sociais propostas de cursos e iniciativas que poidamos levar a cabo durante o próximo curso pois os resultados son moi positivos”.

Obradoiro de Teatro

Finalmente, Alba González explicou que o obxectivo do programa Activa-Mente é “conseguir un envellecemento activo, traballando capacidades e destrezas como a memoria, a autonomía persoal, a conexión coa contorna…”. A novidade de este ano foi a creación dunha actividade de teatro, “para fomentar a empatía, para traballar a capacidade de poñerse no lugar do outro” e cuxos resultados se puideron comprobar esta mañá.

Así, ademais da proxección dun vídeo resumo das actividades realizadas ao longo do curso nos grupos organizados nos locais sociais de Vilacoba, Lesende, Escabia, Camboño, Aldeagrande e Cruído, así como na escola do Sanguiñal; o acto incluíu a estrea de seis pezas teatrais guionizadas e dirixidas polo director Gustavo Dieste e editados en vídeo por Pablo Chouza. Unhas actuacións que poden visualizarse no canal en YouTube do Concello de Lousame: https://www.youtube.com/watch?v=fyqbeJ6Hfp0. O acto rematou coa entrega dos correspondentes diplomas de participación.