Mércores 23 de Setembro de 2020

Medio Rural remata o acondicionamento da planta baixa do edificio multiúsos de Frades como biblioteca e aula de informática


O orzamento destinado a estas obras foi de 40.000 euros, que xestionou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) mediante un proxecto senlleiro

A Consellería do Medio Rural vén de rematar as obras de acondicionamento do edificio multiúsos do concello de Frades como biblioteca, aula de informática e aula para actividades. As actuacións levadas a cabo enmárcanse nun proxecto senlleiro que xestionou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente adscrito a esta consellería, e que contaron cunha achega de 40.000 euros, mentres que o Concello de Frades achegou os 17.637,35 euros restantes.

O director da Agader, Miguel Pérez Dubois, achegouse esta mañá a Frades para comprobar o resultado final deste proxecto de mellora guiado polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e acompañado polos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos. O proxecto consistiu na rehabilitación integral do edificio. Para iso, aproveitáronse os materiais e as estruturas existentes e usáronse novidosos materiais de illamento, tanto sonoro como de calor, que fan das instalacións un lugar apto para as actividades de estudo.

O director xeral destacou o aproveitamento destas infraestruturas en beneficio dos veciños e subliñou que este proxecto vai ofertar un novo servizo que permitirá un maior arraigamento dos veciños ao territorio, xa que se habilita unha biblioteca e unha aula informática e de emprego das TICs.

Detalle das obras

O edificio multiúsos de Frades é unha edificación que consta de dúas plantas. A primeira planta ten forma de “L”, mentres que a primeira é rectangular, sobre un dos lados da “L” da planta baixa e non tiña uso ningún. A planta baixa esquerda quedou como estaba, como gran aula de reunión con capacidade para ata 100 persoas e que pode dividirse en dúas salas independentes.

Pola súa banda, as obras permitiron trasladar o museo de apeiros de labranza á planta alta do inmoble, mentres que a planta baixa dividiuse en tres tramos para acoller unha aula para cursos formativos (de entre 15 e 25 persoas), unha biblioteca e sala de estudo que conta xa con máis de 150 socios nos seus dous meses operativa e unha aula multiúsos con 16 ordenadores con conexión a Internet a alta velocidade.

Desenvolvemento rural

A través desta liña de apoio ao desenvolvemento rural, que se centra no impulso a proxectos senlleiros, nos dous últimos anos leváronse a cabo 30 iniciativas que contaron cunha achega de Medio Rural de máis dun millón de euros. Para este ano 2019, o orzamento presupostado ascende a máis de 900.000 euros.

Este tipo de proxectos, matizou o director xeral, permiten defender e promocionar os valores culturais do pobo galego, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural. Exemplo disto foi o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.