Mércores 24 de Xullo de 2019

Política Social recoñece a experiencia e o traballo voluntario dos correspondentes xuvenís dos centros educativos de Betanzos


Entregáronse os certificados de educación non formal a 82 mozas e mozas que estudan nos IES Francisco Aguiar e As Mariñas, e no centro Nosa Señora do Carme

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, entregou hoxe os certificados ás 82 alumnas e alumnos dos tres centros de Betanzos que participaron no programa Correspondentes Xuvenís neste curso 2018-2019: Os IES Francisco Aguiar e As Mariñas, e o centro Nosa Señora do Carme. Trátase dun recoñecemento co que a Xunta de Galicia avala a experiencia nesta actividade de educación non formal en materia de xuventude.

Cristina Pichel agradeceu o traballo voluntario destes correspondentes, que difundiron entre os seus compañeiros de centro e amizades programas e información de interese para a mocidade, como bolsas de axuda, recursos e direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou actividades de ocio e tempo libre.

A directora xeral tamén salientou que o programa, ademais de propiciar a participación da mocidade, constitúe unha aposta pola educación non formal, posto que os participantes adquiren competencias relacionadas co liderado e con habilidades comunicativas e sociais. A través desta iniciativa tamén se fomentan valores positivos como a solidariedade e o voluntariado.

800 participantes en toda Galicia
A distribución do participantes desta iniciativa nos tres centros de Betanzos adheridos é: 47 son do IES Francisco Aguiar, 21 do IES As Mariñas e 14 pertencen ao centro Nosa Señora do Came. No conxunto de Galicia, actuaron como correspondentes xuvenís ao longo deste curso máis de 800 estudantes de segundo ciclo da ESO, bachalerato ou ciclos medios e superiores de formación profesional.

A Xunta recoñece o tempo que estes correspondentes dedican a esta actividade mediante un certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ao remate do curso escolar. Ademais, os participantes neste programa reciben de maneira gratuíta o Carné Xove, así como aqueles outros carnés destinados á mocidade.