Sábado 14 de Decembro de 2019

Os restaurantes Miga e Galipizza obteñen o selo de garantía de Galicia Calidade


Un total de 117 empresas de distintos sectores contan xa coa marca da Consellería de Economía Emprego e Industria

O restaurante Miga (A Coruña) e a cadea de restauración Galipizza, con establecementos en Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, acadaron a certificación do selo Galicia Calidade tras superar os requisitos establecidos pola marca de garantía da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os novos establecementos certificados comparten a aposta polos produtos galegos na elaboración das súas propostas gastronómicas, centradas na calidade e na versatilidade da oferta de produtos da Comunidade.

Agora verán reforzada a súa aposta pola calidade coa integración na plataforma Galicia Calidade Lecer, que agrupa establecementos de ocio, restauración e hostalería de Galicia con calidade certificada. O obxectivo de Galicia Calidade Lecer é impulsar a calidade como elemento que marque a diferencia respecto de outros destinos turísticos, xerar confianza nos consumidores e acadar maior visibilidade e valoración dos establecementos certificados.

Coas novas incorporacións, a marca de garantía de Galicia conta xa con 117 establecementos certificados de diferentes sectores. No caso dos establecementos de hostelerá, deben contar tamén co selo Q de Calidade turística e ter, no caso dos restaurantes, unha oferta gastronómica con produtos avalados polos selos de certificación de orixe de Galicia.

Restaurante Miga
O restaurante Miga é unha casa de xantares ou bistró de cociña galega na Coruña, propiedade do chef Adrián Felípez. Inaugurado no 2016, a súa aposta gastronómica céntrase no respecto ao produto e á oferta de pratos cambiantes segundo o mercado e a temporalidade.

Miga funciona baixo un formato de cociña sen stock. O mar e os produtos da horta marcan a proposta do equipo de Adrián Felipez, chef carballés formado na alta cociña en Galicia e Cataluña. Felépez formou parte do equipo dos dous estrelas Michelín El Celler de Can Roca e Bo.Tic, e foi o creador dunha firma de asesoría gastronómica dirixida a restaurantes.

Galipizza

Galipizza é una cadea de restauración centrada na elaboración de pizzas artesanais e innovadoras que naceu en Covas (Viveiro) en 1993. Na actualidade conta con 6 establecementos na nosa comunidade, en Ribadeo, Culleredo, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Viveiro.

A aposta de Galipizza baséase nunha innovadora liña de pizzas que mistura novos sabores e produtos de calidade galegos, que normalmente non se utilizan na elaboración da pizza. Deste xeito, as pizzas de Galipizza substituiron a clásica mozarella polo sabor dos queixos galegos, fusionándoa coa comida tradicional galega como os grelos, as vieiras ou o raxo, e demostrando a gran adaptación e sabor dos produtos galegos.